Valentín Paz Andrade, unha das dez persoas que formou parte da Comisión Negociadora da Transición, sempre dicía que as estruturas do centralismo se mantiveron intactas dentro da fachada autonomista e que había unha incompatibilidade clara entre o Estado das autonomías e a existencia das institucións provinciais. Neste sentido, o acordo acadado polo BNG e o PSdG-PSOE vai moito máis aló de calquera outro acordo asinado anteriormente para as deputacións; é un firme e decidido (mesmo ousado) paso adiante na construción dunha nova arquitectura institucional para o país. Velaquí un escenario radicalmente diferente, uns novos contidos para un futuro transparente e sen clientelismos, baseado na igualdade e na xustiza.

Programaticamente, os eixos básicos do acordo concretan as seguintes ideas principais:

-A necesidade de superarmos este modelo, un modelo que non responde á nosa realidade social e territorial. De aí que nos comprometamos a iniciar un proceso de negociacións de transferencias de competencias tanto á Xunta como aos concellos.

-Os concellos como centro das políticas e a Deputación como transmisora de recursos que eles mesmos administren, a través de criterios obxectivos que corrrixan as desigualdades territoriais e fomenten a cooperación a un nivel supramunicipal.

-O inicio dun proceso de democratización e de transparencia institucional, interna e externamente. Desde a modernización e actualización do regulamento á fuxida do presidencialismo pasando pola inequívoca vontade de potenciar os órganos colexiados.

Ao noso ver, este proceso de transformación da Deputación, debe facerse a través dun goberno único, formado por dúas forzas que teñen diferenzas mais actúan con responsabilidade e poñen por diante os intereses colectivos respondendo á mensaxe das persoas que querían unha verdadeira transformación institucional e acordan un programa que nos une, que se fai público e sobre o que renderemos contas ante o conxunto da sociedade. O desexábel é que se impliquen neste proceso o resto das forzas políticas con representación na Deputación e que partillan a nosa visión a medio e longo prazo.

Neste camiño déronse xa pasos como a elaboración de plans onde os recursos económicos vaian directamente dirixidos aos concellos priorizando o investimento social, onde os concellos serán os verdadeiros protagonistas e os destinatarios dos recursos públicos baixo criterios de equilibrio territorial e social.

A liña de actuación responde a poñer os recursos e as infraestruturas da Deputación ao servizo doutras institucións e da cidadanía, optimizando o existente e infrautilizado. É o caso da futura residencia universitaria Elvira Bao que, ao tempo, supón restituír o nome das persoas represaliadas na Guerra Civil española e cumprir coa memoria histórica e a xustiza.

Un dos obxectivos é tamén potenciar o uso da nosa lingua nos concellos e na propia institución, dando exemplo dun compromiso que acuda tanto ao simbólico a través do dominio.gal como ao fomento do uso real desde as institucións locais incrementando as partidas para este fin.

Prioridade é, da mesma maneira, planificar o apoio ao tecido asociativo cultural establecendo prioridades reais e garantindo que os propios concellos sexan axentes e motores dunha dinamización cultural que tamén serve para vertebrar e darlle cohesión ao conxunto do territorio.

Outro dos retos é camiñar cara á igualdade real de servizos e prestacións da veciñanza, independentemente do lugar de residencia, e facelo, de maneira especial e intensa, nos colectivos máis desfavorecidos. Nesa liña, situar a loita contra a violencia de xénero como un dos piares da acción de goberno de xeito transversal.

O vindeiro ano conmemoraremos o centenario das Irmandades da Fala e non quería rematar sen lembrar a dúas das súas figuras especialmente relacionadas coa Deputación, o presidente Alfredo Somoza e o vicepresidente Ánxel Casal, exiliado o primeiro e asasinado o segundo despois do levantamento militar de 1936. De maneira especial, para o tempo que comeza e que virá, gustaríame que a luz prendese na memoria de María Miramontes, Amparo López Jean, Elvira Bao e tantas e tantas mulleres esquecidas da historia. Con elas temos unha débeda de recoñecemento que é de xustiza comezar a saldar.