Gustaríame que A Coruña de 2030 tivera superado unha serie de asignaturas pendentes, para afrontar o seu desenvolvemento coma contorna urbana de progreso e benestar, en harmonía co resto de Galicia.

1) Recuperar a identidade

histórica.

A Coruña contemporánea configurouse como un núcleo urbano caracterizado polo protagonismo cidadán. Iso implicou, a principios do século XIX a defensa do liberalismo na súa versión transformadora, enfrontada aos poderes da época.

Posteriormente, a evolución da cidade no XIX xerou, na súa parte final e nas primeiras décadas do XX, un entramado social único en Galicia pola súa dimensión e o papel hexemónico que xogou. Múltiples iniciativas e colectivos de acción cultural, educativa, sindical e política de diversos perfiles (republicano, nacionalista, anarquista, etc.) que interaccionaron positivamente e dotaron, na práctica, á cidade dun proxecto de progreso. O franquismo foi eficaz na destrución dese rico tecido social e os seus perversos efectos repercutiron nos inicios do período democrático, no que a súa febleza facilitou xestións cómplices cos intereses dunha minoría.

Gustaríame, desde logo, que no 2030 tiveramos avanzado de xeito contundente na recuperación do músculo social crítico e solidario que marcou a nosa historia. Unha cidadanía como suxeito político activo, auténtico dique fronte aos poderes que non se presentan ás eleccións e defensora dos intereses do 99% da poboación.

2) Liderar a creación dunha ampla área xeográfica de acción económica, social, cultural e

política.

A proxección económica e social da Coruña esixe dunha planificación territorial, cunha maior dimensión e uns recursos axeitados. Iso demanda que a cidade lidere a creación dunha zona de actividade que teña como horizonte concretar, enriquecer e desenvolver a proposta que no seu tempo expuxo o arquitecto Andrés Fernández Albalat, a Cidade das rías, o espazo que vai desde a comarca coruñesa á ferrolá.

Gustaríame, si, que no 2030 ese proxecto tivera avanzado na súa concreción, superando localismos, sectarismos e miopías políticas.

3) Apostar pola investigación e innovación como motor da xeración de riqueza e benestar e por unha maior implicación das fortunas locais.

A experiencia destes últimos anos na cidade é a súa contorna amosou a febleza do modelo económico centrado no sector servizos e no ladrillo e a necesidade de impulsar iniciativas económicas con base industrial e, sobre todo, as que teñan como principal protagonista ao coñecemento, ou sexa, a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i).

Para ese obxectivo cómpre reforzar as actuais iniciativas e institucións relacionadas coa investigación que operan na cidade. Darlle a volta ao proceso que asistimos nestes anos, no que puidemos observar como os cartos para crear unha nova sede do Centro Oceanográfico da Coruña (IEO) ían para Tenerife, o proxecto de Torre de investigación do Instituto de Investigación biomédica (INIBIC) ficaba sen o apoio orzamentario ou como a Universidade coruñesa foi sometida pola Xunta a continuos recortes.

No terreo dos recursos propios

A Coruña alberga hoxe a unha serie de persoas que nas últimas décadas salientaron polo éxito dos seus proxectos económicos. Algunha desas grandes fortunas inciden notablemente na actividade económica e realizan, en diversa medida e forma, contribucións valiosas ao tecido social e institucións da cidade. Mais esa participación non se corresponde co que sería de agardar e esixir nunha sociedade moderna. Gustaríame, efectivamente, que que no 2030 observaramos os froitos dunha maior e máis clara implicación das fortunas coruñesas en sólidos proxectos de futuro, propios ou alleos, coa promoción da base investigadora.