Na actualidade, a cidade da Coruña presenta unha situación sociolingüística moi desfavorable para o idioma galego, ao igual que a maior parte das cidades de Galicia. As enquisas sobre coñecemento e uso do galego que se veñen realizando desde hai vintecinco anos mostran que

A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra ofrecen uns índices baixos para o galego, mentres que en Santiago, Lugo e Ourense a situación é bastante mellor. Na poboación xeral, menos dunha quinta parte dos habitantes da Coruña se declara galegofalante habitual, fronte a case un terzo, aproximadamente, que declara falar só castelán (datos do Mapa Sociolingüístico da RAG elaborado en 2004). Os datos da xente máis nova son un pouco máis baixos: no sector de 15 a 34 anos, menos do 15% de galegofalantes habituais por un terzo de monolingües en castelán.

Pero unha cousa son os usos lingüísticos das persoas na súa vida diaria, outra son as actitudes: segundo o estudo antes citado, máis do 40% das persoas da Coruña consideraban que as medidas tomadas polos poderes públicos para favorecer o uso do galego era insuficientes ou moi insuficientes, mentres a maior parte da poboación indicaba como principais responsables a Xunta, o Concello, o sistema educativo, os medios de comunicación e as propias familias, sinalando tamén as empresas e os intelectuais. De feito, temos aí unha listaxe dos principais axentes dos que depende a situación dun idioma. Iso dá

unha idea da complexidade do asunto e convídanos a unha observación inicial: para mellorar a situación do galego fai falta unha visión global, que teña en conta as principais áreas da actividade e que involucre os distintos axentes sociais. Segundo o noso ordenamento legal, a elaboración, posta en marcha e dirección dun plan dese tipo corresponde á Xunta de Galicia. As liñas xerais xa foron acordadas: trátase do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, que durante un tempo comezou a porse en práctica pero leva seis anos no conxelador.

Pero se a Xunta ten a responsabilidade maior, non se pode esquecer o importantísimo papel que deben xogar as institucións locais, comezando polo Concello. A administración municipal é a máis próxima á cidadanía e actúa sobre múltiples aspectos da vida diaria da poboación, comezando pola educación, a cultura e o lecer e seguindo polas relacións públicas (no sentido máis amplo do termo), por iso ten un potencial extraordinario de fomento do idioma galego. Pero, como é ben sabido, os sucesivos gobernos municipais da cidade negáronse a aplicar a legalidade vixente, non só no que respecta á toponimia (comezando pola denominación da cidade) senón tamén naqueles requisitos mínimos que garantan que os veciños e veciñas galegofalantes „por non falar do resto dos galegos e galegas que nos achegamos á cidade„ non sexan tratados como foráneos no seu propio concello. Pero non só iso, senón que durante moito tempo, desde a cúspide do poder municipal se fomentaron actitudes negativas cara ao idioma do país, ao tempo que este se vía impedido de comparecer na vida pública e na paisaxe visual da cidade (sinalética, anuncios, etc.).

Nos procesos de perda e recuperación dos idiomas, a sociolingüística fala dun ciclo que inclúe a competencia, a motivación e as ocasións de uso. O círculo virtuoso de promoción do galego debe contemplar non soamente a mellora da competencia (diso debera encargarse o sistema educativo), senón o incremento da motivación (incidindo nas actitudes e pondo en valor práctico o propio idioma) e a oferta de ocasións para utilizalo (que non poden limitarse ás clases de galego na escola ou no instituto). O Concello da Coruña ten arestora ante si a ocasión para comezar unha acción pública a prol do galego que o visibilice, fomente a estima cara a el e posibilite novas ocasións de uso para as persoas que o falan. Sen dúbida, a inmensa maioría dos veciños e veciñas da Coruña sente simpatía polo galego e vería con bos ollos que se conseguise unha maior presenza na vida da cidade.

Unha acción do concello nese campo debe partir duns principios claros de compromiso activo co galego asociado co respecto total polo castelán e as persoas que o falan, a procura de implicación e complicidade dos axentes sociais (desde os colectivos cidadáns ata as empresas e, moi importante, os medios de comunicación) e a asociación da recuperación do idioma co fomento dunha identidade cidadá plural e moderna, o que implica a valorización das nosas raíces propias pero actualizándoas e proxectándoas cara a futuro, sempre respectando as opcións individuais no marco do recoñecendo o valor da diversidade. Obviamente, un sector fundamental é a xente nova, que é a que máis precisa de motivación e de ocasións de uso.

Non se nos escapa que as prioridades dun goberno municipal son múltiples, e na situación actual, moitas delas son perentorias para amplos sectores sociais feridos

pola crise económica. Pero o urxente non pode facer perder de vista o importante. A construción dunha identidade local forte, baseada nos valores da solidariedade e da convivencia, é un activo importantísimo, tamén económico, para unha cidade. E na Coruña, iso pasa por rescatar o galego da marxinalidade en que prexuízos clasistas, personalismos de curto prazo e espurios intereses partidistas o quixeron arrecunchar, e resitualo tranquila pero firmemente, no lugar en que a maioría dos coruñeses e coruñesas o queren ver: no aire que se respira día a día na cidade.