O primeiro que un alcanza a observar ao tratar de mirar cara os próximos quince anos son as oportunidades. Temos a sorte de vivir nun territorio cheo de posibilidades que se somos quen de aproveitar traduciranse en crecemento e desenvolvemento.

As oportunidades aparecen en boa parte polo traballo feito, froito do esforzo e dedicación postos nunha estratexia de futuro. Así conseguimos hai pouco máis de dous anos a declaración de reserva de biosfera por parte da Unesco. Esa parte foi dura, pero o realmente esixente vén á hora de sacar adiante as medidas para poñer en valor esta distinción.

A execución do plan de xestión da reserva é un dos grandes retos para os vindeiros anos. Quizais non nos decatemos aínda do fito logrado ao converternos en reserva da biosfera, algo impensable hai tempo. Viviremos e experimentaremos os verdadeiros beneficios da distinción cando o plan de xestión permita aproveitar as oportunidades do territorio.

A reserva debe ser fonte de desenvolvemento económico, tanto a nivel de produción como de servizos. Xa o estamos a ver cos emprendedores que están nacendo vinculados sobre todo ao sector primario. E a vertente turística, practicamente sen traballar, ten que supor outra forma de crecemento.

En Abegondo traduciremos este potencial do territorio na creación do primeiro parque ecoagrario de Galicia, un reto municipal a curto prazo. Conxugaremos a explotación agraria, gandeira e forestal a nivel pemes, introducindo innovación e asociándoa á marca da reserva para promover un circuíto curto de comercialización na área. Temos recursos e capacitación de sobra para combater ás grandes multinacionais que levan a riqueza para fóra.

O medio ambiente ten que ser outro dos grandes beneficios da mención da Unesco. Ademais de accións de sensibilización ou voluntariado, a reserva debe valer como motor para xerar unha conciencia ambiental desde a infancia. Non será algo inmediato, pero require un traballo a longo prazo a facer desde xa.

Este espírito ambiental debe reproducirse tamén nas políticas das administracións. Abegondo sentou as bases de crecemento cun Plan Xeral baseado na calidade ambiental como forma de vida, con vivendas familiares que respectarán á pasaixe. Ese será un dos principais obxectivos no municipio: emprender desenvolvementos coas persoas e o medio como actores protagonistas.

Finalmente, un dos principais desafíos consistirá no desenvolvemento pleno da área metropolitana. Sexa coa forma xurídica que sexa, a cidade da Coruña e os concellos da comarca temos que acordar dunha vez por todas as bases dun traballo conxunto, como pide a cidadanía.

Debemos apostar por incrementar as competencias actuais para ampliar servizos. Un exemplo claro ten que ser o transporte metropolitano. Os veciños necesitan variantes para deixar o coche, o que redunda tamén no coidado do medio. O bus e o ferrocarril, con frecuencias e itinerarios adaptados ás verdadeiras necesidades dos cidadáns, e sen problemas de límites, non poden esperar máis.

Temos exemplos de boas prácticas no Consorcio como os servizos sociais, cun gabinete de inserción sociolaboral a pleno rendemento, unha área fundamental á que non debemos renunciar. Ás veces as administracións máis grandes adoitan medidas pouco acertadas porque non viven a realidade tan preto coma os Concellos. Por iso convén xuntarnos, porque somos máis fortes, obtemos mellores servizos e reducimos gastos.

E cando un finaliza este exercicio de mirar para o futuro inmediato, termina ilusionado e con moitas ganas de traballar por un Abegondo, unha área metropolitana e unha reserva de biosfera á altura dos seus cidadáns.