Quince anos daquel gran 2000 no que os deportivistas vivimos o noso soño. Quince anos dos goles de Donato e Makaay ao Espanyol e dunha celebración con cabezas tinguidas de loiro platino que nin imaxinaban a festa que estaba por chegar o 6 de marzo de 2002, nun centenario branco que quedou como tal, en branco.

Pasaron tres lustros desde aquilo e todos cambiamos. O Deportivo, a cidade, os veciños, os políticos, os medios? Non corren

os mellores tempos, pero en Galicia fixemos célebre iso do "nunca choveu que non escampara" e a

iso estamos, a ver se escampa. Disto saben moito os periódicos, precisamente.

LA OPINIÓN conseguiu facerlle fronte aos medios da competencia e leva quince anos de andadura, que agardamos sexan moitos máis. Polo seu gran grupo humano, que algún membro da nosa Federación coñece ben, pola súa pluralidade e por non caer na morbosidade para vender papel. Polo seu tratamento informativo comedido e respectuoso nas fatídicas noticias que nos tocou vivir nos últimos anos, desde o accidente de Angrois ata o asesinato do deportivista Jimmy e a recente traxedia do Rally da Coruña. Por moitos máis días disfrutando, tamén, das viñetas do gran Santy Gutiérrez.

A Federación de Peñas vén de mudar a súa directiva. Os que chegamos facémolo para continuar o labor dos anteriores, que contribuíron a reactivar o fenómeno

peñista, e para agrupar o sentimento branquiazul máis alá das cuotas. Desde o 21 de xuño de 2015, día en que tomou posesión a nova directiva, o Dépor sumou á súa familia unha ducia de peñas en Galicia e lugares tan dispares como Madrid, Londres ou Nepal. Temos activas unhas 160 peñas branquiazuis, todo un orgullo. Vós sodes o Dépor.

O que máis nos toca á Federación, o noso Deportiviño, está a rexurdir das súas cinzas e moitos xa soñamos cos felices primeiros anos do 2000. Postos a soñar, en quince anos vemos ao Dépor como un club totalmente saneado e pelexando de novo na Champions, cun equipo feminino tamén punteiro, para representar a unha cidade moderna e cosmopolita que mellore o seu transporte público para liberala das conxestións de tráfico.

Confiamos no equipo dos nosos amores e aí estaremos para animalo vaia onde vaia, porque a fidelidade e paixón da afección albiazul é algo que non vai mudar nunca, pasen os anos que pasen. A unión fai a forza, di o noso lema, e imos demostralo.

Forza Dépor!