Descubrir cal é a actitude axeitada para convertirse nun emprendedor, cales son as claves para orientar o futuro laboral cara un negocio ou empresa propia ou que se precisa para enfrentarse correctamente a unha entrevista de traballo. Esas son algunhas das cuestións que se abordaron esta semana nas actividades de motivación, patentes e marcas e marketing online do proxecto A Coruña Emprende, iniciativa que chegará a máis de 500 alumnos da provincia coruñesa e na que colaboran a Fundación Alcoa, a Consellería de Educación e o diario LA OPINIÓN. A Universidade Laboral de Culleredo, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada e o CIFP Someso de A Coruña acolleron as charlas destes días. Alumnos deste último centro e do IES de Sabón (Arteixo) participaron nun coloquio sobre patentes e marcas o luns. A esta mesma actividade asistiron o xovés á Universidade Laboral escolares do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña, do IES de Viós (Abegondo) e do IES Isaac Díaz Pardo. Sobre marketing online celebrouse un encontro o pasado martes no IES Isaac Díaz Pardo, ao que acudiron alumnos do centro con outros do CPI Vicente Otero Valcárcel (Carral), do IES Afonso X O Sabio (Cambre) e do IES de Sabón.

O mércores desenvolveuse esta mesma iniciativa no CIFP Someso con escolares deste centro e do IES de Viós, do IES Fernando Wirtz da Coruña, do IES María Casares (Oleiros) e do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto. Sobre a actividade de motivación esta semana só houbo unha cita na Universidade Laboral con alumnos do IES María Casares, do IES Fernando Wirtz, do IES Afonso X O Sabio, do IES Isaac Díaz Pardo e do CPI Vicente Otero Valcárcel.

Os alumnos de 6º de Primaria tamén tiveron a oportunidade de adentrarse no mundo dos emprendedores estes días. En concreto, 75 nenos do CEIP Eusebio da Guarda que o mércores estiveron presentes nunha actividade de motivación e ao día seguinte aprenderon como crear presentacións de impacto para que os emprendedores podan dar a coñecer o seu proxecto de forma eficaz e atractiva.

A Coruña Emprende arrancou o pasado 24 de marzo e seguirá ata o 5 de maio cando se celebrarán as últimas charlas. O obxectivo é chegar a máis de 500 alumnos coruñeses de Formación Profesional (FP), Bachalerato, Secundaria e 6º de Primaria aos que estimular o espíritu emprendedor e ao mesmo tempo fomentar o emprego entre os máis novos cando se incorporen ao mercado laboral.

As actividades constan dunha parte teórica na que o coach explica os conceptos e outra máis dinámica, na que se opta por poñer exemplos prácticos para que os estudantes percibisen mellor o que se lles quería transmitir. O proxecto contará con charlas formativas como as celebradas esta semana, clases impartidas sobre este tema polos seus propios docentes, aos que o programa tamén formará, así como visitas a empresas da zona ou mesmo reunións con directivos.

O programa conta coa participación de 15 centros escolares da área coruñesa „catro da propia cidade co IES Paseo das Pontes, o CIFP Ánxel Casal, o IES Eusebio da Guarda e o CIFP Someso„, 500 alumnos e 30 profesores, pero intentarase que mentres dure o proxecto podan incorporarse novos escolares ata os 2.000 estudantes e que se duplique o número de docentes que colaboran con esta iniciativa para fomentar o emprendemento.

Con esta proposta, os organizadores apostan por mellorar as competencias dos alumnos en aspectos como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos ou a responsabilidade. LA OPINIÓN difunde o resultado dos traballos.