Os participantes no programa A Coruña Emprende tiveron ocasión de aprender esta semana como ser un emprendedor con éxito nas dúas sesións que o coach David Fernández Veloso impartiu o luns na Universidade Laboral de Culleredo e o martes no CIPF Someso. Esta iniciativa na que colaboran a Fundación Alcoa, a Consellería de Educación e o diario LA OPINIÓN chega á súa recta final coas penúltimas charlas antes da clausura do proxecto o vindeiro mércores. Á xornada do luns asistiron máis dun cento de alumnos do IES de Viós de Abegondo, do IES Afonso X O Sabio de Cambre e do IES María Casares de Oleiros. Na sesión do día seguinte estiveron presentes uns 90 estudantes do CIFP Someso, onde se celebrou a actividade, do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto e do IES Fernando Wirtz.

Fernández Veloso explica que na primeira parte da sesión trabállase a motivación para que os asistentes confíen en si mesmos e se vexan "capaces de ser emprendedores" porque, na súa opinión, ser emprendedor non é algo xenético. "Hai un camiño de entrenamento e coñecemento para sacar produtos e servizos ao mercado que con tenacidade e esforzo se pode acadar", destaca o experto, quen engade que na segunda parte se lle dá aos alumnos pistas sobre como xerar ideas de negocio orixinais grazas ao "marketing lateral". A clase remata „indica„ abordando as preguntas que cada un ten que facerse despois de ter unha idea de negocio e antes de poñela en marcha "para comprobar se de aí se pode sacar unha empresa ou só é unha idea singular".

Descubrir cal é a actitude axeitada para convertirse nun emprendedor, cales son as claves para orientar o futuro laboral cara un negocio ou empresa propia ou que se precisa para enfrentarse correctamente a unha entrevista de traballo son algunhas das cuestións que se abordan desde o 24 de marzo nas distintas sesións do proxecto A Coruña Emprende. Ademais destas sesións para descubrir como emprender con éxito o programa tratou nas anteriores temas como o emprendemento e a responsabilidade social, o marketing online, as patentes e marcas, as presentacións de impacto e as actividades de motivación. Todas estas actividades constan dunha parte teórica na que o coach explica os conceptos e outra máis dinámica, na que se opta por poñer exemplos prácticos para que os estudantes percibisen mellor o que se lles quería transmitir. O proxecto contou con charlas formativas como as celebradas esta semana, clases sobre o tema polos seus propios docentes, aos que o programa tamén formou o pasado sábado cunha charla sobre emprendemento e responsabilidade social, así como visitas a empresas da zona ou mesmo reunións con directivos.

O obxectivo desta proposta é chegar a máis de 500 alumnos da provincia coruñesa e amosar a escolares coruñeses de Formación Profesional (FP), Bachalerato, Secundaria e 6º de Primaria aos que estimular o espíritu emprendedor e ao mesmo tempo fomentar o emprego entre os máis novos cando se incorporen ao mercado laboral.

O programa conta coa participación de 15 centros escolares da área coruñesa, catro da propia cidade co IES Paseo das Pontes, o CIFP Ánxel Casal, o IES Eusebio da Guarda e o CIFP Someso, 500 alumnos e 30 profesores. Con esta proposta, os organizadores apostan por mellorar as competencias dos alumnos . LA OPINIÓN difunde o resultado dos traballos.