Día de Galicia 2019

O Plan Estratéxico do Xacobeo recibirá 247,7 millóns de euros

A Xunta aspira a manter o tirón do Ano Santo ata 2032 cun evento de "5.000 días"

25-07-2019Meneame
Reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021  // Fdv
Reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 // Fdv

P.O.C. [A CORUÑA] O Goberno galego convida aos galegos a ser partícipes na organización dun "Xacobeo de 5.000 días" que permita amosar a mellor Galicia da historia. Logo da reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 da semana pasada, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, fixo fincapé en que o máis importante é que se trata dun proxecto cun horizonte que mira a 2027 e 2032, os seguintes anos santos. Con este obxectivo, asegurou que unha das características máis importantes do Plan estratéxico Xacobeo 2021 é que está dotado cun mínimo de 247,7 millóns de euros.
Grazas á antelación coa que se está a traballar, xa se teñen investido máis de 33 millóns. Feijóo aseverou que este plan estratéxico non podía ignorar os obxectivos que a Galicia da próxima década está a perseguir, resaltando que será un Xacobeo verde, comprometido coa súa autenticidade, con aquilo que máis o identifica: o Camiño, a paisaxe, o patrimonio, a gastronomía propia. Así mesmo, asegurou que será un Xacobeo innovador, capaz de promocionar unha Galicia cada vez máis tecnolóxica, máis dixital e máis comprometida cos sectores emerxentes.
E un Xacobeo familiar, que conxugue os intereses e as visións de todas as xeracións e de todos os colectivos, garantindo que sexa accesible a todos, con independencia da idade, da situación ou do lugar no que viva. Nesta liña, precisou que hoxe hai máis camiños, grazas ao recoñecemento oficial do Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa, e coa forza dos Camiños do Norte coa súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O que fixo posible que as rutas xacobeas estean máis diversificadas, e que as alternativas ao Camiño francés estean medrando. A Catedral foi obxecto da maior rehabilitación integral da súa historia: a fachada do Obradoiro xa está rematada e a restauración do Pórtico da Gloria conseguiu incrementar o atractivo da Catedral.
Todas estas melloras e a labor de promoción permitiron que, pese a non haber xacobeos desde o a 2010, o espírito peregrino medrase, cun 20% máis de peregrinos hoxe que no último Ano Santo.