O Camiño de Santiago non é unha ruta única senón varias dependendo de onde se empece. A variante máis coñecida é o Camiño Francés, que atravesa os Pirineos desde Francia e percorre Navarra, La Rioja e Castela e León antes de entrar en Galicia. Pero hai polo menos outra vintena de ruras recoñecidas como o Camiño Inglés ou Portugués.

Camiño Francés. É o itinerario xacobeo con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente. A ruta adquire un trazado preciso en Francia, a través das catro vías. Tres destas rutas (París-Tours, Vézelay-Limoges e Le Puy-Conques) entran en España por Roncesvalles, en Navarra, mentres a cuarta (Arles-Toulouse) entra polo porto de Somport e continúa ata Jaca, en terras de Aragón. Desde Puente la Reina, o Camiño Francés mantén un único itinerario que atravesa localidades do norte de España tan significativas coma Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada e Villafranca del Bierzo.

Camiño Inglés. Dos países escandinavos e sobre todo, ingleses, escoceses, irlandeses e flamengos. Todos contribuíron a fixar o que o Camiño Inglés. Chegaban a Galicia por mar desde os seus portos e arribaban a Ferrol ou á Coruña; e tamén a Viveiro ou a Ribadeo, no litoral lucense. O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas. O itinerario desde A Coruña é máis curto (73 quilómetros) ca o que parte de Ferrol (112,5). Ambos conflúen a metade de camiño, na localidade de Bruma, onde continúan xuntos os últimos 40 quilómetros ata Compostela.

Camiño Portugués. Esta ruta tomou relevancia a partir do século XII, tras a independencia de Portugal. O seu trazado herda vías e camiños antigos como a Via construída no século I d.C., que unía Braga con Astorga a través de Ponte de Lima, Tui, Pontevedra, Santiago e Lugo, unha das calzadas romanas máis importantes, pois vertebrou a Gallaecia. Unha variante deste Camiño pola costa cruza o río Miño pola Guarda e pegada ao mar conflúe coa variante interior en Redondela.O culto xacobeo tivo no Camiño Portugués un territorio fundamental para entender a dimensión internacional das peregrinacións.

Camiño Primitivo. Trátase da primeira e máis antiga ruta de peregrinación. Enlaza Oviedo con Santiago de Compostela e discorre por trazados de calzadas romanas. O primeiro rei peregrino foi o monarca ástur-galaico Afonso II o Casto quen, no século IX, quixo viaxar a Santiago para confirmar que os restos que apareceran en Compostela eran os do apóstolo. En 2015, foi recoñecido pola Unesco, xunto co Camiño do Norte, como Patrimonio da Humanidade, a máxima distinción que pode recibir un ben cultural.

Camiño do Norte. Tras o Camiño Primitivo, esta ruta, que transita pola costa asturiana e entra en Galicia pola ría de Ribadeo, alcanzou relevancia na baixa Idade Media.Os peregrinos de fins da Idade Media, visitaban Oviedo como complemento da súa viaxe cara Compostela.

Vía da Prata. Prolonga a calzada romana Vía da Prata que une Mérida con Astorga. Este camiño xacobeo percorre por Galicia un patrimonio natural e etnográfico de excepción —a provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla— que lle ofrece ao camiñante. Desde Portugal, foron varios os camiños do interior cara a Santiago que penetraban na provincia de Ourense, como o que desde Chaves chega a Verín a través de Feces de Abaixo.

Camiño de Fisterra e Muxía. Ata o final da Idade Media, a Costa da Morte era o último reduto de terra coñecida.A ruta xacobea de Fisterra e Muxía é o reflexo máis fiel dese berro do peregrino, que significa "imos máis alá!". Pois é efectivamente máis alá da meta en Compostela —despois de prostrarse ante os restos do apóstolo Santiago— cando moitos peregrinos deciden coñecer esta "fin do mundo", e non dubidan en superar os sacrificios das duras xornadas pasadas para camiñar agora, polo menos, catro ou cinco días máis. Son 89 os quilómetros que quedan para chegar a Fisterra e 87 a Muxía