M. G. Alonso.SantiagoA comunidade estranxeira triplicouse en Galicia nos últimos sete anos. Así, mentres que no ano 2000 había só 25.602 habitantes orixinarios doutros países, a día de hoxe a cifra multiplicouse por tres ata acadar os 81.023 empadronados, segundo os últimos datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística e máis a Dirección Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Así e todo, a comunidade autónoma ocupa os últimos postos do Estado en canto a poboación foránea.Por provincias, é a de Pontevedra a que conta con máis poboación estranxeira, 28.180 personas empadronadas, seguida pola da Coruña, que con 25.468 habitantes doutros países roza a cifra de estranxeiros rexistrada en toda a comunidade hai, tan só, 7 anos. A continuación figura a provincia de Ourense que conta con 12.992 inmigrantes censados, seguida pola de Lugo, cun censo foráneo de 7.992 habitantes.Os países que achegan máis poboación á rexión son aqueles máis próximos por razóns xeográficas, como Portugal, ou por cuestións históricas e sociais, como os estados latinoamericanos, onde os galegos emigraron masivamente e que agora devolven ese fluxo migratorio. A comunidade lusa conta con 15.470 persoas, mentres que a orixinaria de países de América do Sur son 36.069. Sobre todo proceden de Arxentina (5.469 habitantes), Brasil (8.182 habitantes), Uruguai (4.004) ou Venezuela (3.759). Séguenlle as procedentes de América Central, 4.363 empadronados, entre as que destacan as personas nadas na República Dominicana (2.035 habitantes) e os cubanos (1.853).A apertura de fronteiras dentro da Unión Europea tamén potenciou a inmigración de cidadáns de nacionalidades comunitarias, que en total suman 29.000 censados. Entre estes países destaca Rumanía, que a pesar da súa recente incorporación, xa aportou 2.934 habitantes. Convírtese, así, no Estado europeo que, seguido por Italia, con 2.887 habitantes, envía máis inmigrantes.Asimesmo, despunta o número de cidadáns procedente do continente africano, con 7.274 habitantes, sobre todo chegados de Marrocos, con 4.006 empadronados.