P. Mera.A CoruñaCada catro anos, polo menos, as corporacións municipais deben decidir o que cobrarán os seus edís, non só pola vía do salario, senón a través doutros mecanismos establecidos por lei.EDedicacións. Tras as eleccións, e unha vez constituída a Corporación municipal, o pleno decide cantos e cales dos edís recibirán un salario municipal e a contía do mesmo. Estes soldos poden ser de dedicación parcial, que adoitan ser traballos de media xornada (segundo decida o pleno) e permiten aos edís ter outra ocupación laboral; ou exclusiva, que implica unha xornada completa de traballo e impide que o beneficiario teña outros empregos incompatibles co cargo, incluídos os de calquera outra Administración. Iso explica, por exemplo, que o alcalde da Coruña, o socialista Javier Losada, non cobre do Concello porque iso obligaríao a renunciar ao seu salario como senador, polo que recibe case 71.000 euros ao ano. Non hai límite ningún para a contía nin o número das dedicacións, un asunto clave, sobre todo, nas negociacións dos gobernos de coalición. En Corcubión, un concello de 2.000 habitantes onde o PP apoiou a investidura do alcalde do BNG, catro dos sete edís teñen dedicación (tres deles exclusiva). Pero mesmo coas maiorías absolutas danse casos similares, como o da Laracha, onde o Executivo local do PP aprobou cinco dedicacións exclusivas para os seus concelleiros. EPlenos e comisións. Só os edís que non teñen dedicación poden recibir indemnizacións por asistir aos plenos, as comisións informativas e as xuntas de goberno ou de voceiros que se celebran periodicamente no concello. A contía destas axudas decídea libremente o pleno para cada un destes órganos, e varía desde os seis euros que, por exemplo, reciben os edís de Corcubión por asistir a cada pleno até os 650 que cobran os de Culleredo por cada xunta de voceiros. A periodicidade mínima dos plenos ordinarios depende da categoría do Concello: os de menos de 5.000 habitantes deben celebrar como mínimo un cada trimestre, os de 5.000 a 20.000, un pleno bimensual e os de máis de 20.000, un cada mes. A frecuencia das xuntas de goberno -órgano formado polos edís que elixa o alcalde e que se encarga dos labores delegados por este- tamén varía; na Coruña celébrase unha cada catorce días, pero en Miño, Sada ou Neda hai unha á semana. Ademais, están as comisións informativas sobre as diferentes áreas de goberno e as xuntas de voceiros, nas que deben estar representados todos os partidos coa proporción do número de escanos que obtivera cada un e que se reúnen como mínimo unha vez antes de cada pleno. E ademais, as sesións extraordinarias. En resumo, un lote de órganos e sesións que, multiplicados polas indemnizacións establecidas en cada caso deixan unha importante suma cada mes aos edís que non teñen salario municipal. Con todo, se se celebran varias reunións nun mesmo día só se cobrará por unha delas, e hai concellos como Sada que limitan o número de indemnizacións a dúas por mes e órgano. EGrupos políticos. Segundo a lei, os concellos poden destinar unha cantidade dos seus orzamentos aos grupos políticos que compoñen o pleno para os seus gastos correntes, que en ningún caso poden incluír aluguer ou compra de inmobles. Esta contía tamén é libremente decidida polo alcalde, coa única condición de que teña unha cota fixa e outra variable segundo o número de edís de cada partido. En Betanzos, nesta lexislatura estableceuse unha cota fixa de 750 euros ao mes para cada grupo e outros 50 por concelleiro. Neste punto, o BNG dá a consigna aos seus edís en toda Galicia de que a asignación sexa remitida ao partido. EDietas. As dietas por desprazamentos, comer ou durmir fóra son os únicos gastos que están regulados por un decreto do Goberno central. Páganse 52 euros por unha comida, 94 por aloxamento e 147 pola dieta enteira, ademais dos 0,17 euros por kilómetro no caso de desprazamentos. EParo. Desde este ano, unha reforma legal permite que os cargos electos coticen na seguridade social e cobren o paro correspondente cando deixen o cargo.