Hai xa catro anos que deixou de ser a cara visible da información meteorolóxica máis seguida na televisión galega, pero Santiago Pemán non está, nin moito menos, retirado. Segue presentando partes na TVG, aínda que de madrugada e especializados na mar, unha vez á semana atende as preguntas dos oíntes na Radio Galega e, desde hai pouco máis dun ano, tamén está dispoñible en internet.

"Quería seguir en contacto directo coa xente, e tamén aproveitar os meus coñecementos para espallalos e compartilos", recorda Pemán desde Santiago. Así foi como se lle ocorreu, en marzo de 2008, crear unha páxina web, www.santiagopeman.com, na que o home do tempo máis famoso de Galicia fai as súas propias predicións meteorolóxicas, responde as dúbidas dos internautas, explica o funcionamento dos calendarios lunares ou das témporas, dá consellos sobre os cultivos e recompila efemérides e refráns relacionados co tempo -o de hoxe: "Por San Bartolomeo, chuvias a reo"-. Mesmo hai receitas de cociña, guías de festas e turismo e recomendacións literarias.

"O tempo dá para falar de todo", alega Pemán, que se confesa "encantado" co seu novo proxecto no ciberespazo. Unha das seccións da web que ten máis éxito é a das consultas personalizadas. Cada día, Pemán recibe no seu enderezo electrónico "entre oito e dez" preguntas sobre o tempo que vai facer o día dun casamento ou durante as vacacións dos internautas, que tamén é habitual que pregunten polo tempo que vai facer para planificar as obras na casa ou a colleita.

"Escribe moita xente do campo para saber por exemplo, cando poderán ensilar. Tamén preguntan moitos moteros, que están moi organizados por internet", di Pemán, consciente da importancia que a meteoroloxía ten na vida de algúns "Os agricultores queren saber se vai vir un verán bo ou malo, porque en función diso alugan máis ou menos cisternas para o rego, que é todo un investimento", explica Pemán, que tamén leva sorpresas coa web. "Un día escribíronme desde Lugo para saber polo tempo que ía facer porque querían plantar ¡60 hectáreas de cebola!. Nunca pensei que en Galicia pudiera haber plantacións de cebola de 60 hectáreas", engade.

A web está tendo moito éxito, pois conta con case 3.000 visitas diarias, "aínda que a media se dispara cando hai avisos de temporal". Preguntado sobre o tempo que vai facer no que queda de verán, Pemán resolve que será precisamente a partir de setembro cando os galegos poderán desfrutar de varios días de sol seguidos. "Até entón, seguirán vindo dous días bos e logo tres malos, e catro regulares". A predición de Pemán coincide coa das témporas, un sistema sen rigor científico pero bastante popular no rural galego e que tamén está recollido en www.santiagopeman.com. Consiste en predicir o tempo que vai facer durante tres meses baseándose no tempo que fixo en tres noites concretas do ano. As témporas do verán son o mércores, o venres e o sábado da semana de Pentecostés. Como eses días (este ano, o 27, o 29 e o 30 de maio) "non quedaron ben, viñeron con vento de abaixo", pois os meses de xuño, xullo e agosto tampouco serán bos. "Non teñen ningún fundamento científico -advirte Pemán-, pero a xente do campo mira moito as témporas, e tamén o calendario lunar", que é outra das paixóns do home do tempo. "Hai que mirar sempre como está a lúa. No campo, case sempre hai que plantar cando mingua; as patacas botadas coa lúa crecendo sempre sairán verdes, greladas", explica.

Canto ás receitas (troitas ao forno, calamares con verduras ou patacas recheas), algunhas son súas e outras, aportacións de amigos e internautas. E as efémerides saen da abondosa base de datos e recursos meteoróloxicos acumulados durante tantos anos de experiencia.

Sobre a súa retirada do telexornal da TVG en 2005, pouco despois da chegada do bipartito á Xunta, el prefire non entrar en polémicas e, iso si, subliña que nunca deixou a televisión, senón que só deixou de facer "os tempos que se ven". E é que Pemán segue facendo información meteorolóxica na televisión galega, pero a unhas horas moito máis intempestivas: ás tres da madrugada, de luns a venres. "Fago o tempo para a xente do mar, que a esas horas están nos cantiles".

De madrugada, en internet ou na radio, Pemán aínda conta co cariño de miles de galegos, que seguen a paralo pola rúa. "Saúdanme, pregúntanme polo tempo... estou moi agradecido". ¿A clave da súa profesión? Responde que sempre hai que saber interpretar os mapas e os datos, e ter en conta por exemplo que "por riba de Santiago, durante o verán sempre hai nubes pola mañá, e a costa de Lugo, co sombreiro posto". En resumo, experiencia, ou como di Pemán, "colmillo".