Tres anos despois de constituírse no medio da polémica entre o seu presidente e o BNG, a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) presume de contar con 300 socios e outros tantos simpatizantes "de esquerdas, de dereitas, xudeus, católicos, ateos... plurais".

-Un dos obxectivos de AGAI cando naceu era loitar contra a "xudeofobia" e a "banalización do Holocausto". Conseguéstelo nalgunha medida?

-Efectivamente ese era un dos nosos obxectivos, mais tratándose dunha tara mental secular non podemos, sendo realistas, pretender resolvela nós. A nosa contribución é o combate argumental, a denuncia constante das actitudes xudeófobas que desafortunadamente son abundantes e moi perigosas.

-Que actividades e logros de AGAI destacarías nestes tres anos de vida? Sorprendeuvos a acollida na sociedade galega?

-Fixemos moitísimas actividades, conferencias, proxeccións, semana de cinema israelí, revista, etc? pero eu destacaría o feito de que conseguimos actuar con plena normalidade nun entorno que no noso nacemento foi visceralmente hostil contra nosa.

-AGAI fíxose coñecida en parte pola polémica entre o BNG e vostede, que rematou sendo expulsado do partido. Aquela cuestión quedou atrás ou aínda colean as tensións?

-O conflito foi responsabilidade exclusiva do BNG, que coa súa actitude democraticamente inaceptable provocou un enfrontamento penoso. Expulsáronme por ser prol israelí e xa non estou no partido. Pero si temos aínda moitos socios militantes do BNG, incluso membros da dirección, pero desde o anonimato para evitarse problemas.

-Como vedes o conflito israelí-palestino nestes momentos, un ano despois da invasión hebrea da franxa de Gaza, da chegada de Obama á Casa Blanca e da dereita radical ao Goberno xudeu?

-Honestamente, non podo dicir que son totalmente optimista, pero si dun xeito moderado. Porque as pezas para resolver o conflito están xa todas sobre a mesa. Israel responde polo que asina, está historicamente demostrado coa retirada do Sinaí ou de Gaza no 2005. Pero para que calquera acordo sexa viable, é preciso que a parte palestina tamén poida garantilo. E lamentablemente a día de hoxe a división entre Hamás e a ANP de Al Fatá fan moi dificil chegar a un acordo pleno. Na miña opinión, o inimigo principal da causa palestina é o integrismo islámico.