De onde viñeron os primeiros empresarios que puxeron en pé a industria conserveira galega? Cal foi a influencia dos franceses e dos cataláns? O historiador e economista Xoán Carmona Badía, experto no estudo da historia do sector conserveiro, volve nesta entrevista a vista atrás para profundizar nas orixes desta actividade industrial pioneira en Galicia.

-Onde se inicia a produción das conservas en Galicia?

-As fábricas propiamente ditas, deixando á parte os precedentes de carácter artesán, pode dicirse que comezan coa instalación de Curbera na praia de Arealonga en Redondela no ano 1863 e a de Goday na Illa de Arousa no 1879. O desenvolvemento dun feixe de fábricas que formen un sector industrial coma tal é un fenómeno dos anos 1880 e 1890, que se acelera na década seguinte. Este desenvolvemento ten o seu principal asento na ría de Vigo, e por iso é nesta cidade onde se funda a Unión de Fabricantes de Conservas no ano 1904.

-De onde ven o coñecemento para realizar esta actividade que substitúe ás salazóns?

-No fundamental da Bretaña francesa, que era onde o sector comezara a funcionar. Tamén da cidade de Burdeos, que era onde estaban establecidas moitas das casas que comercializaban o produto no eido internacional.

-Que papel xogaron os bretóns e os cataláns no desenvolvemento desta industria?

-Os franceses forneceron tecnoloxía e mercados. Eles eran os principais produtores mundiais de conservas de peixe contra 1880, pero a sardiña desapareceu das súas costas a partir de 1882. Como en Galicia e Portugal a sardiña seguía sendo abondosa, algúns industriais e distribuidores trataron de establecerse ou de chegar a acordos con negociantes locais para enlatar sardiña baixo as súas marcas de sempre. En Portugal establecéronse bastantes pero en Galicia puxéronlles as cousas menos doadas e varios deles conformáronse con asociarse a algúns dos fomentadores de salazón das Rías Baixas, facilitando que pasaran de salgadores a conserveiros sempre que enlataran baixo marca francesa.

-É eiquí onde entran os cataláns?

-Efectivamente. Unha parte de aqueles fomentadores de salazón era de orixe catalana, netos nos máis dos casos de empresarios que chegaran aquí antes de 1830. Pero tampouco é exacto identificar con eles o nacemento da moderna industria conserveira, porque ao seu carón, no grupo dos primeiros fabricantes tamén houbo comerciantes do Carballiño, de Dacón ou de Sarria, banqueiros de Lugo e de Vigo, escabicheiros desta última cidade ou de Baiona, e ata algún tratante procedente de Valença do Minho.

-Ambos colectivos fíxanse na Galicia pola abundancia de sardiña, foi isto así?

-Relativamente. Os fomentadores cataláns chegaran a Galicia vendendo augardente, e entraron no negocio da sardiña para conseguir mercadorías de retorno para as viaxes dos barcos que o traían. Logo, ao ver a abundancia de sardiña e o negocio que había na súa salga e venta, pois algúns deles quedaron e fixeron diso a súa ocupación principal, establecendo ao longo do século XIX moitas fábricas de salga de sardiña nas rías. Os fillos ou netos destes fomentadores cataláns formaron parte do grupo dos empresarios que estableceron a moderna industria conserveira galega. Os franceses que se instalaron aquí foron só un par de fabricantes e un pequeno feixe de soldadores. Estes últimos ensinaron aos naturais do país, que rápidamente se amañaron pola súa conta. Houbo unha importante influencia tecnolóxica e comercial francesa pero, no fundamental, non pola vía da instalación directa.

-En que momento se pode dicir que se inicia o proceso industrial e de man de que empresarios?

-Pois como xa diciamos o sector, que é o importante, formouse nas dúas últimas décadas do século XIX e a primeira do vinte. Os nomes imprescindibles da historia destes primeiros intres son os de Curbera, Goday, Rodolfo Alonso, Antonio Alonso, Benigno Barreras, Massó, Marcelino Barreras, Rodríguez Valdés, Pereira, Guillán e Dotras. Só unha destas empresas, Antonio Alonso, segue funcionando na actualidade coma fabricante.

-Como eran as primeiras conservas?

-Nos primeiros anos o que se enlataba era practicamente só sardiña, que se destinaba en máis dun 90% á exportación. Francia e Alemania eran os principais mercados europeos. En Latinoamérica ía a Cuba, Argentina e Chile. O máis curioso é que, como o que tiña prestixio nese momento no mercado internacional era a conserva francesa, os envases ían rotulados en francés e baixo marcas francesas, aínda que moitas foran marcas rexistradas polos fabricantes galegos. Algún deles atreveuse, xa en vésperas da I Guerra Mundial, a rotular marcas en galego, como aquela de Sei que che sabe, dun fabricante da ría de Arousa.

-Que transformacións foron as máis importantes que viviu o sector conserveiro ao longo da súa historia?

-En máis de 125 anos de historia, porque cómpre lembrar que a conserva foi o noso primeiro sector propiamente industrial e que a súa organización empresarial, a xa centenaria Anfaco, é a segunda máis antiga de España, houbo moitas transformacións. Unha importante foi a do cambio no produto, no que ao principio dominaba a sardiña e agora domina o atún. Outra, o proceso de concentración e o tamaño das empresas. Outra, os mercados, ao pasar dun mercado internacional nun principio ao mercado nacional no franquismo e a unha mestura de ambos na actualidade. Outra, a tecnoloxía, de ser todo manual pasou a un grao elevado de mecanización. E moi importante, a calidade do produto, onde os controis foron facéndose moito máis rigorosos.