O grupo municipal do Partido Popular de Vigo acusou hoxe o alcalde, Abel Caballero, de boicotear o Comité de Rutas Aéreas co único obxectivo de "saír na foto "e enfrontarse á Xunta de Galicia.

Nun comunicado, o partido na oposición lembra que o Comité de Rutas é un organismo promovido polo socialista José Blanco, e denuncia que o rexedor vigués foi o único que se negou a achegar diñeiro municipal para apoiar o aeroporto da súa cidade.

Entenden o PP que Abel Caballero non debe estar orgulloso da súa actitude "xa que para que Peinador medre cómpre que os concellos tamén se comprometan", e nese sentido lembran que no caso da Coruña "apostou polo seu aeroporto e xestionou as súas propias rutas".

"Abel Caballero só asistiu ao Comité para recriminar á Xunta os orzamentos que destina ás rutas aéreas", manifesta o comunicado, para engadir que o Goberno galego a pesar de non ter competencia en materia aeroportuaria "está disposto a manter as rutas de Bruxelas e Sevilla".

O PP lembra que co goberno bipartito se puxo en marcha a liña Vigo-Londres, que deixou unha débeda de máis de 300.000 euros que tivo que asumir o goberno de Alberto Núñez Feijóo, e engade que en maio de 2009 o goberno vigués afirmou que garantía a ruta coa capital británica "pagando a axuda de 400.000 euros á Clickair se a Xunta non o facía, e agora demóstrase que era unha mentira e que o alcalde non está disposto a apoiar a Peinador xa que non lle interesa".

Por todo iso os populares pídenlle "cordura e sentido común" ao rexedor socialista, e que "por unha vez faga algo polos vigueses e non polo seu interese persoal".

Abel Caballero, que asistiu onte á reunión do Comité de Rutas de Galicia, reclamou un reparto equitativo para os tres aeroportos galegos, e en concreto para Peinador demandou conexións con Londres, Bruxelas e Sevilla.