O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, confiou hoxe en que a marca de leite "Galega 100%" sexa un incentivo para o produtor en prol de mellorar a calidade do produto, e tamén para o consumidor, de xeito que a acabe apreciando pola súa "alta credibilidade".

Os consumidores galegos poden encontrar hoxe nos puntos de venda os primeiros cartóns do leite con esta marca, impulsada pola Xunta e xestionada polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL).

Neste sentido, Juárez considerou que cómpre implementar mecanismos que remuneren o "esforzo" importante que realiza o gandeiro cun plus "para o seu produto" que, neste caso, cumpre os requisitos de "rastreabilidade total".

A marca Feiraco será a primeira que leve esta etiqueta e nos próximos días está previsto que estean dispoñíbeis cartóns de leite de Alimentos Lácteos, Leyma e Larsa, que xa formalizaron a súa solicitude ante o LIGAL e están pendentes de autorización.

O conselleiro subliñou a calidade "excepcional" do leite de Galicia que é superior á media nacional e incluso europea, e precisou que o sector produtor de queixo ten interese en seguir este camiño de incorporar os seus produtos á etiquetaxe coa marca "Galega 100%".

Ao ser preguntado por eventuais non pagamentos da Clesa aos gandeiros, Juárez aclarou que esta empresa non segue unha recollida directa senón que se fornece de leite doutros primeiros compradores, polo que estes non pagamentos se producirían a estes clientes.