Teño nas miñas mans o que, seguramente, sería un dos últimos escritos de puño e letra de D. Manuel Fraga dado o delicado estado de saúde no que se atopaba nas últimas semanas. Trátase dunha tarxeta de Nadal recibida o día dous de xaneiro, da que me resulta difícil descifrar as dúas liñas nas que, a bo seguro expresa os seus desexos, pero si se pode ler con toda claridade que remata dicindo "para vostede e para Galicia". Nos seus últimos días, D. Manuel, dende a distancia en Madrid seguía tendo a Galicia, a súa terra, no seu pensamento o nos seus mellores desexos.

Este feito lévame a centrar este artigo, non en glosar a figura de Fraga como intelectual e estadista, iso farano seguramente outros con máis autoridade ca min, senón en resaltar, neste momento de dó, algunhas vivencias, recordos e sentimentos froito dos máis de dez anos ao seu carón, como secretario xeral do partido e como conselleiro dos seus gobernos. Un tempo no que agromaron en min sentimentos sinceros de afecto, admiración e respecto, sempre presentes aínda naqueles escasos momentos en que, por razón de lealdade, me vin precisado de expresarlle algunha discrepancia.

Recordo con agarimo e gratitude que D. Manuel sempre se dirixía a min expresándose na nosa lingua propia, en galego,e como anécdota recordo a cea que compartimos en Santiago, co entón presidente do Consello da Avogacía Española Eugenio Gay Montalvo, e como no transcurso da conversa, en máis dunha ocasión, en que se dirixía a min para interpelarme sobre algunha cuestión, o facía na lingua de Rosalía. Rematada a cena Eugenio Gay pregúntabame con certa sorpresa: "Ah!, ¿pero don Manuel habla en gallego?

Pero ao marxe de anécdotas concretas, o amor a Galicia, a súa cultura e a súa lingua foron sempre unha constante no pensamento e na praxe de D. Manuel Fraga ao longo da etapa en que, despois de "prepararse toda a vida para elo", segundo as súas propias palabras no primeiro discurso de investidura como presidente da Xunta, asumía a tarefa de afondar no autogoberno e modernización da nosa terra.

Poucos como el, castelán falante na súa infancia e afastado de Galicia a maior parte da súa vida profesional e política, viron con claridade a necesidade de defender, promover e usar a nosa lingua, sen ningún desdouro ou menoscabo do castelán, como lingua oficial do Estado. Poucos como el, en épocas de abundancia, viron a necesidade de acometer a racionalización das administracións públicas impulsando a súa eficacia e non duplicidade a través da chamada administración única, ou propoñendo a reforma do Senado para convertelo nunha cámara útil, que cumprise a función constitucional de ser a Cámara de representación territorial, a súa gran frustración, tras a etapa de senador, segundo me confesou na visita que lle fixen no seu despacho do Pazo da Praza da Mariña Española de Madrid, fai agora un ano.

Dende a súa firme posición na defensa do Estado das Autonomías e da unidade de España, que cría absolutamente compatibles, baixo a súa dirección e por primeira vez na historia do Partido Popular de Galicia, presentamos no congreso nacional do Partido Popular do ano 2002 unha emenda a ponencia política co obxecto de propiciar a participación das comunidades autónomas na formación da vontade do Estado nas decisións da Unión Europea en cuestións da exclusiva competencia destas, na liña do que xa acontecía noutros estados compostos da Unión. Cando despois dunha visita a Madrid lle transmitín o pouco entusiasmo que tal emenda causaba na cúpula do partido e a amable petición de que fose retirada, díxome: "Se vostede ten medo, eu mesmo a irei a defender". A emenda defendeuse e incorporouse, e hoxe aquela proposta forma parte dos mecanismos de participación de España na Unión Europea.

Pero nun momento en que a corrupción salpica a vida pública e unha parte importante da cidadanía recea epon á clase política entre a súas principais preocupacións, non podo rematar este artigo sen facer referencia a dimensión ética de Don Manuel Fraga. Extremadamente esixente consigo mesmo, viviu con intensidade a actividadepública e, mesmo coas contradicións propias de quen foi protagonista nunha etapa especialmente triste da historia de España, buscou sempre o interese xeral por enriba dos seus intereses persoais e, coa mesma intensidade, puxo sempre a ética dos feitos por diante da estética das palabras, aínda que isto lle carrexase máis dun problema de imaxe.

Descanse en paz.