A Deputación da Coruña expresou hoxe o acordo unánime de tódolos partidos representados no organismo provincial de exixir que a Xunta de Galicia aclare as causas do incendio rexistrado o 31 de marzo nas Fragas do Eume. O ente coruñés sinala -nun manifesto- que o lume que afectou ás Fragas do Eume "confirmounos a todos a fraxilidade dos nosos montes, o fácil que é ferilos de morte e, polo tanto, o necesario que é insistir, aínda que soe a reiterativo, na necesidade do seu coidado".

Todos os grupos que conforman a corporación desta Deputación da Coruña destacan, no mesmo texto, que o ente provincial non ten competencias lexislativas nin políticas sobre os incendios en Galicia e condenan "a acción dos incendiarios que provocan lumes por motivos que nunca seremos capaces de entender".

"Atentar contra os nosos montes é atentar contra a nosa vida, contra o noso modo de vida e, en moitas ocasións, contra o noso medio de vida. Non queremos que haxa impunidade para os culpables, directos ou indirectos, deste incendio, si é que existen", expón o manifesto da Deputación, que tamén expresa a vontade de PP, PSOE e BNG de sumarse "ao queixume pola perda ambiental e tamén económica que supuxo e suporá o incendio no parque natural do Eume tanto para os propietarios dos montes queimados como para todos os galegos".

Destaca a Deputación que "o parque natural é patrimonio de todos e non só duns poucos. Con eles está a nosa solidariedade".

"Demandamos da Xunta de Galicia, como administración con plenas competencias en materia de prevención e extinción de lumes forestais, a aclaración das causas que motivaron os lumes que afectaron nos pasados días ao Parque Natural das Fragas do Eume, así como os datos reais da afectación dos mesmos ao territorio e unha información detallada das consecuencias ambientais, económicas e sociais deste incendio. En paralelo, urxir que se definan as medidas previstas para que o proceso de erosión e arrastres que se poidesen producir no caso de choiva non deriven nun proceso de contaminación para o río Eume e a Ría de Ares", sinala o organismo provincial.

A Deputación coruñesa solicita que "con carácter de urxencia, se comece á elaboración dun plan de recuperación desta zona que parta da filosofía da implicación real da poboación afectada no proceso de posta en valor do singular patrimonio natural existente, así como a aprobación do Plan Rector de Uso e Xestión das Fragas do Eume, con compromisos de actuación e investimentos concretos, que convertan o proxecto nunha oportunidade para a zona".

O ente provincial demanda tamén "do Goberno do Estado que, á vista da singularidade e valor das Fragas do Eume, implemente fórmulas de colaboración para o proceso de recuperación da zona, sempre baixo os criterios do expresado no apartado anterior".

A institución provincial expresa ademais a súa vontada de "colaborar, como parte que somos da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, e dentro das nosas posibilidades, nas medidas que tendan á recuperación do territorio afectado".

Exixen que "canto antes, se active un plan de recuperación da zona" afectada polo lume e anuncian que urxirán "a posta en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, dun plan de rexeneración da leira propiedade da Deputación, no entorno do Mosteiro de Caaveiro". A Deputación confirma que o monumento seguirá a ser obxecto de especial interese e coidado polo incalculable valor que posúe para todos os galegos.

"Máis aló da confrontación partidaria, por lexítima que sexa, o que a sociedade nos pide a nós, os seus representantes, é que lles deamos unha solución ao problema dos incendios. E que loitemos contra os 'mercenarios do lume'", proclama a Deputación, que destacou "o labor das brigadas antilumes, dos integrantes da Unidade Militar de Emerxencias e dos voluntarios de Protección Civil e o Grumir que, sempre que se rexistra un incendio no noso territorio, XÓGANSE A SÚA VIDA para minimizar os danos que só uns poucos e, repetimos, por causas que por incomprensibles se nos escapan, queren causar aos nosos montes".