Furacáns, plagas, incendios? Sobreviviu a todo durante séculos. Á súa sombra pasou horas na súa infancia o Padre Sarmiento, quen chegou a dicir: "Santa Margarida de Monteporreiro, que tiene el carballo mayor del Reino", e o propio Castelao inmortalizonuno nunha das súas ilustracións de Cousas da Vida. A "árbore das liberdades", "o Matusalén de Pontevedra", como se lle coñece ao carballo de Santa Margarida agoniza. Con máis de 500 anos, o seu tronco, que aínda conserva a pegada dos balazos que mataron durante a Guerra Civil aos condenados colocados de xeonllos aos seus pés, está podrido e comeza a ladearse. Pese ao tratamento ao que foi sometido nesta primaveira, este "monumento verde", que mide uns 30 metros y ten un perímetro no seu tronco de oito metros, xa ten madeira morta na póla principal e tamén fungos e gallas secundarias con risco de caer.

Para que nun futuro Galicia disfrute de máis árbores senlleiras, a Fundación Juana de Vega promove un proxecto de investigación para a mellora xenética do carballo galego, unha árbore que nos últimos anos foise substituíndo por carballos foráneos e tamén por piñeiros e eucalipto debido ao seu rápido crecemento. Aínda que é unha especie en regresión, ás beiras dalgúns ríos aínda quedan fermosas carballeiras. O Lérez, o Ulla ou o Arnego son algún dos escenarios onde poder atoparse exemplares con troncos de até dous metros de diámetro, de máis de 40 metros de altura e que superan os 500 anos.

A iniciativa promovida por la Fundación Juana de Vega, que desenvolverá o Centro de Investigación Forestal de Lourizán da Xunta, comezará coa recolleita de 24.000 landras en rodais selectos de Quercus robur para a súa posterior xerminación e cultivo en polo menos dous sementeiros vinculados á Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga). As plantas cultivaránse nestes viveiros por un periodo de dous anos e despois valoraránse os novos carballos para proceder a unha segunda selección. As árbores elixidas plantaránse en catro leiras de titularidade pública dunha hectárea de extensión cada una: dous terreos serán da zona oriental e os outros dous da área atlántica.

2.500 árbores por hectárea

En total, plantaránse uns 2.500 carballos por hectárea, una densidade que obrigará ás árbores a competir entre elas pola luz e os nutrientes, de maneira que co paso dos anos se poderá facer unha terceira selección. "Eses exemplares serán os que pasarán a formar parte dos catro rodais selectos mellorados de carballo de Galicia como fonte de semente de calidade para a producción de plantas de viveiro e a súa posterior plantación forestal", segundo explican desde a Fundación Juana de Vega.

Con este proxecto, os promotores pretender conservar a diversidade do Quercus robus en Galicia co asentamento de plantacións de maior diversidade que os rodais actuais. Ademáis propóñense mellorar os caracteres forestais do carballo -crecemento, fuste, calidade da madeira ou resistencia- mediante a selección dos parentais nos rodais actuais e, posteriormente, mediante claras xenéticas nas plantacións establecidas.

E é que o carballo non so se emprega en carpintería e ebanistería -en tempos era o material ao que se recorría para as travesas do ferrocarril e nas casas metíase para trabes, puntóns e táboas para o piso-. A súa leña ten un alto poder calorífico. E a cortiza contén taninos de utilidade para curtir peles e tamén posúe propiedades astrinxentes. De feito, na medicina popular emprégase para case todo: a casca dos troncos novos e os bugallos teñen un elevado dontido de tanino gálico e a cortiza ten accións astrinxentes, antidiarreicas e hemostáticas.

Outro dos obxectivos que persegue o proxecto de investigación e dispoñer de materiais de base das categorías cualificado e/ou controlado, de maneira que se asegure a súa adaptabilidade e se mellore a calidade das plantacións forestais. Ao mesmo tempo, buscarase incentivar, a través da creación dunha oferta privada por parte dos viveiros, de material vexetal que permita plantar estas árbores en leiras privadas ou en intervencións públicas en parques e xardíns urbanos e periurbanos.