-Cales foron os motivos da solicitude de dimisión? Foi só a xestión do cerco?

-O do cerco foi a gota que colmou o vaso, pero houbo xa unha serie de actuacións anteriores onde estabamos moi descontentos coa súa maneira de proceder. No tocante ao anteproxecto de Lei de Acuicultura, non estivemos de acordo en como se transmitiu ao sector o noso traballo. Por outra parte, nunha reunión anterior xa se acordara solicitar unha mobilización de todo o sector debido aos graves problemas que temos, e o tema foise retrasando de maneira reiterada. Hai moitos exemplos. Por poñer outro, na súa presentación como candidato prometeu que estaría en contacto continuo coas confrarías, que as visitaría unha a unha, e incumpriu totalmente ese compromiso.

-O presidente mantén que xa pediu desculpas.

-As desculpas non teñen por que ser aceptables. E menos cando interpreta á súa maneira esta situación, dicindo que se está manipulando e danando ao sector. Nós o que queremos é todo o contrario, fortalecer as asociacións e as confrarías, e se estamos debilitados é precisamente por non facer as actuacións que corresponden e que piden as frotas. Nós debémonos ás xuntas xerais, que son os órganos supremos. O que non pode ser é que cheguemos a acordos en diferentes temas e logo non se leven adiante porque o señor Fajardo interprete que non debe facelo. O do cerco xa foi demasiado. Para unha vez que chegamos a un acordo de xestión, coa posibilidade de envialo a Madrid con tempo para que se fale na reunión do sector, decide non presentalo no encontro coa Xunta.

-Influíu iso no rexeitamento do plan de xestión conxunto que propoñían as confrarías?

-Se houbera tempo de debatelo pode que o resultado fora outro.

-Como debería ter actuado o presidente?

-Se pactamos un plan, o mínimo é presentalo. Durante a reunión coa Consellería non abriu a boca para nada, estivo calado. Despois infórmanos de que non o fixo porque a discusión era moi tensa. Claro que era tensa, iso xa o sabíamos desde hai tempo. Foi perder o tempo alí, e despois o enfado do sector vén cara nós. Nos encerros do cerco tamén houbo protestas cara as federacións. Os armadores botáronnos en cara que non presentamos un acordo que parecía xusto, viable e asumible para todos.

-Sobre o tema da manifestación do sector, o presidente di que o acordo ao que se chegou era "nulo de pleno dereito".

-Sabemos que os xuristas din que non é legal. Aínda así, se realmente lle tivera preocupado levar adiante o acordo, puido volver tratar o tema antes.

-A que cre que se debe o comportamento do presidente?

-Moitas veces explícanos que toma as decisións porque se asesorou dunha maneira determinada, porque llo din así. Independentemente dos seus asesores, se hai algo que non encaixa nos acordos tomados, o que ten que facer é explicar que haberá que variar a postura polos motivos que sexa. Hai que consultalo, e non o fai. Toma decisións individuais, á súa maneira, e non pode ser, estamos a xogarnos moito. Temos temas importantes onde os mariñeiros e armadores están moi preocupados, e non podemos permitir que entendan que estamos pasando deles. De aí vén a desunión e a dúbida sobre o que estamos facendo. Nós sabemos máis sobre os temas administrativos e por iso temos que explicalos, o sector ten que estar informado, porque senón parece que non estamos de lado deles, parece que non estamos en ningún lado. Por exemplo, no tema da Lei de Acuicultura, as últimas alegacións que fixemos foron a mediados de decembro. A partir de aí estivemos calados, polo que o sector pode percibir que non prestamos atención aos seus problemas. Temos que informar, transmitir o que estamos a facer, aínda que as decisións non lle gusten á Administración ou a quen sexa. A quen non lle guste a el, que é o que dá a entender.

-Fajardo dá a entender que non quere meterse co Goberno?

-Eu ás veces teño que defender decisións que toma a xunta xeral que non comparto, pero o meu deber é defendelas, gústeme ou non. Iso é o que lle reclamamos a el.

-Entón hai intereses políticos?

-O presidente fai interpretacións persoais en función de asesoramentos e consultas, fágaas con quen as faga. Vouno deixar aí. O que pasa é que nos provoca problemas a todos. Fajardo bota por terra a nosa credibilidade ante o sector.

- É un obstáculo o presidente?

-Si. Se non cambia a súa actitude non podemos continuar así. Eu xa levo bastantes anos neste ámbito, e a miña credibilidade non pode quedar tocada pola mala actuación dun señor, porque automaticamente somos cómplices do que se fai.

-Que vai pasar o día 13, como está o balance de forzas?

-Non queremos botar ningún pulso, senón transmitir o malestar que ten moita xente. Pontevedra ten claro que vai apoiar a petición, pero non sei o que farán as demáis confrarías da Coruña e Lugo.

-Están dispostos a presentar un candidato alternativo?

-De momento non temos intención de presentar a alguén.

-Fajardo tamén dixo que se están cargando o modelo de confrarías. Está en perigo?

-El saberá por que di iso, eu entendo todo o contrario. Se el entende que unha confraría ten que ser o que lle mande un, ou o que el decida, aí é cando nos estamos equivocando e de rebote se empezan a crear asociacións por aquí e por alá, empeza a entrar a política polo medio e se afunde o sistema.

-É posible unir o sector?

-Si. Para iso hai que dar mostras de que estamos a defender o que eles nos transmiten.

-Cales son as causas das divisións na pesca galega?

-Hai división de opinións, pero tamén se mestura a política polo medio. Hai intereses creados por parte de pequenos chiringuitos que queren utilizar calquera argumento para levar adiante as súas decisións, porque entenden a pesca dunha maneira depredadora. Nós debémonos aos regulamentos europeos, que nos impoñen unha serie de medidas a tomar. A pesca cambiou radicalmente o seu modelo de xestión nos últimos 15 anos. Antes cada un facía o que quería, pero agora todos temos que participar na xestión responsable deses recursos e aportar. As decisións tómanse por maioría. Pero aquí, cada vez que xorde unha maioría aparece un grupo que está en contra e forma unha asociación. Podo poñer o exemplo das reunións que se fan na Secretaría General de Pesca, cando eu estaba presente. Se eramos 25 persoas de todo o Cantábrico Noroeste, de Galicia ían oito ou dez, e cada un cunha voz distinta. O outro extremo era o País Vasco, que levaba tres ou catro pero unha soa voz. Nós iamos sempre divididos, e iso é o que acaba coa pesca.

-Fixo suficiente a Xunta por unir ao sector?

-Somos nós os que rompemos a unidade. A Consellería pide esa unión, nese aspecto non lle boto a culpa. O que é certo é que hai pequenos grupos que van collendo forza porque se manipulan políticamente, como sucedeu no tema do cerco. Pero nós debemos ser máis serios, maiores de idade, para entender que non podemos deixarnos manipular por ninguén.