Un estudo da Universidade de Vigo revelado esta semana conclúe que as verteduras de augas residuais están a "limitar" a calidade do marisco producido na ría de Arousa e recomenda tomar medidas de "mellora" no saneamento e na localización dos emisarios das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR).

O traballo, encargado pola plataforma en defensa da ría, determina que existen achegas contaminantes orixinadas por verteduras depuradas e non depuradas de augas residuais urbanas en lugares de alta produción marisqueira. Tamén sinala que existe contaminación microbiolóxica por achegas directas de augas fecais non depuradas ou depuradas de forma incompleta debido a deficiencias na rede de saneamento.

O informe tamén indica que atopou microcontaminantes químicos tóxicos que absorben as fases larvarias dos invertebrados mariños en todos os emisarios de EDAR analizados. Por último, detecta unha "forte" polución por hidrocarburos aromáticos policíclicos.