Ninguén discute o feito de que as rías galegas están contaminadas. Na costa galega existen numerosos puntos de vertedura que expulsan todo tipo de residuos -domésticos, industriais e incluso médicos- ás augas dos esteiros sen ningún tipo de control ou depuración, malia que a normativa da Unión Europea (UE) prohibe de forma expresa este tipo de situacións.

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) é o encargado de analizar as augas das zonas de marisqueo para determinar a súa clasificación. Só o produto das áreas B e C ten que ser depurado antes de chegar ao consumidor, unhas calificacións baseadas no nivel de bacterias coliformes -fecais-. "O ecoli é o mellor indicador, pero é certo que hai máis patóxenos", manifesta a directora da institución, Covadonga Salgado, que engade que o marisco tamén pasa un control de salmonela antes de chegar aos comercios, polo que incide na "seguridade" do sistema.

A responsable do Intecmar asegura que, "en principio", todas as bacterias patóxenas presentes nas augas dos esteiros son eliminadas tras o proceso de saneamento do marisco. Ou case todas, xa que admite un caso no que non existen garantías: Os norovirus, coma os que causaron o brote de gastroenterite que durante o pasado mes de abril afectou a máis de 3.000 persoas en Cataluña. "Son uns organismos que aparecen en augas frías e son complicados de sanear", asevera Salgado, que indica ademais que aínda non se atopan regulados na lexislación comunitaria. "A Unión Europea está a traballar para determinar se é necesario lexislalos", explica.

O biólogo da confraría de Barallobre, Joám Luís Ferreiro, discrepa da opinión da directora do Intecmar, en concreto no referido ao saneamento do marisco de zonas C, que deben pasar por un proceso de depuración en mar aberto nas bateas de reinstalación habilitadas pola Xunta. "A normativa comunitaria 853/2004 establece que este tipo de produto debe someterse a un período mínimo de reinstalación de dous meses, a menos que a autoridade competente permita un prazo máis breve, baseándose nunha análise de riscos", explica Ferreiro. O marisco depurado nas bateas da Xunta, que se limpa nun tempo dunhas dúas semanas, é un destes casos.

Ferreiro denuncia que a Consellería do Mar se "aferrou" a unha excepción para intentar darlle unha saída "máis rápida" ao produto contaminado. "É unha estratexia moi arriscada, sobre todo se temos en conta que na ría de Ferrol existen verteduras potencialmente moi perigosas das que non existen estudos", censura. "O hospital Juan Cardona expulsa os seus residuos de forma directa á enseada de Caranza, unha das áreas máis contaminadas desta ría. Quen sabe o que pode haber nesas augas?", pregúntase.

Mentres, o investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e experto en contaminación mariña, Juan Bellas, argumenta que o proceso de depuración non é "efectivo" para a eliminación de contaminantes químicos acumulados polos bivalvos, como metais, hidrocarburos aromáticos, e "sobre todo" compostos organoclorados (usados para elaborar sulfatos, por exemplo), xa que estes moluscos carecen dun sistema eficiente de expulsión destas substancias.

Sobre os metais, Ferreiro apunta que o "rápido" crecemento dos moluscos evita que teñan tempo de absorber unha cantidade importante destes elementos nocivos antes de ser extraídos. "O reló, vedado polos seus altos niveis de chumbo, é un caso especial, xustamente porque medra máis a modo", afirma.