"Xenerosidade e responsabilidade". Baixo esa premisa, ten que moverse En Marea para, segundo defende o alcalde de Santiago, alcanzar a "credibilidade" que lle permita "ter acción de goberno". Noriega destaca que as forzas da esquerda social conseguiron crear un espazo para disputar ao PP Xunta e Estado, pero recoñece que "non foi suficiente".

Agora toca "abandonar as posicións de parte" para darlle "continuidade" ao proxecto que levou ás mareas a facerse co bastón de mando das tres ciudades da provincia da Coruña e converteu a ese espazo en segunda forza no Parlamento galego. "Temos a responsabilidade de xerar unha segunda oportunidade histórica", sostén.

-Case dous anos despois das eleccións municipais, que nota pon á xestión das mareas?

-Eu son o meu peor inimigo. Tendo a ser moi autoesixente. No que compete a Santiago, e cónstame que tamén na Coruña e Ferrol, herdamos unha situación complicada e estamos no camiño de cumplir con moitos retos que nos marcados ao inicio de lexislatura. En Compostela, coido que cumplimos: a aprobación orzamentaria, a captación de fondos, a posta en marcha de contratos de mantemento dunha ciudade que estaba moi abandonada polos anteriores catro anos de lexislatura? Se tiveramos que falar de nota, estamos nun notable.

-As mareas conseguiron o máis difícil: facerse ca bastón de mando. O que debería ser máis sinxelo, a xestión diaria, deuse de bruces co día a día. Desa bofetada de realidade, que é o que máis custa reporse e ata que punto frena a folla de ruta marcada?

-Eu viña dunha experiencia na administración local e era consciente das limitacións e dificultades que había. Na campaña intentei non xerar falsas expectativas en canto aos compromisos. A propia vitoria electoral creou unhas expectativas subxectivas que tivemos que abordar. No primeiro tramo da lexistarura daba por feito que se ían desinflar, pero temos que traballar co horizonte da lexislatura. En Compostela, sementamos, desbrozamos previamente, e agora empezamos a recoller.

-Esas expectivas corren o risco de frustrase máis pola falta de experiencia dos equipos de goberno das mareas ou pola maquinaria da propia Administración?

-É un lugar de encontro de varias cuestións, como as que comentas. Non hai ninguna licenciatura onde se dea o título de alcalde ou concelleiro. Se entendemos que unicamente poden desempeñar cargos de representación pública aqueles que levan moitos anos vencellados á xestión, estamos mandando unha mensaxe equivocada. A incorporación de xente solvente nas súas profesións á xestión da administración local foi positiva. No conxunto, evidentemente ten os seus contras, que é falta de experiencia na tramitación e na administración local.

-Ten a sensación de que as pasadas citas coas urnas foron unha oportunidade perdida porque a esquerda non remou xunta?

-Fíxose un esforzo moi grande na esquerda social por construir eso que chamamos unidade popular. Nun periodo de tempo que, segundo os códigos históricos, é moi curto, pero que non foi suficiente. O reto era superlativo: ser capaces desde a nada de abrir un espazo hexemónico que disputara ao PP o Goberno do Estado e a Xunta. Valoro o espazo que se construíu, pero non foi suficiente. Debemos seguir avanzado. Son consciente de que houbo unha frustración porque o reto non era obter un mellor resultado electoral, senon chegar ás institucións para cambiar os gobernos.

-Confían nunha segunda oportunidade?

-Esa oportunidade histórica xa pasou, pero temos a responsabilidade de xerar unha nova oportunidade histórica. Ao mellor en peores condicións que as que tivemos. O reloxo corre. E non nos enganemos, moita da maioría social que decidíu rebelarse diante da crise opera na superviviencia. Eso é estar ao marxe das grandes pelexas. Pero nós temos a obriga de seguir pelexando.

-PP, PSdeG e BNG cuestionan a política de xestos das mareas. Os xestos nunca sobran, pero non cree que falta xestión política e mellora de servizos?

-Nunca se pode infravalorar a política de xestualidade porque detrás hai cuestións de calado. Un exemplo: a defensa da laicidade. Poñer este valor en marcha nunha cidade como Santiago non é menor. No fondo é dar un paso no reparto de roles dos diferentes axentes nunha cidade. Na medida en que vamos convertindo os ruidos en silencios, obtemos vitorias. Cando se deixa de falar de determinadas cuestións, como as fochancas, hai unha victoria na calidade de vida dos veciños. Chegamos para introducir, máis alá das xestualidades, cuestións de fondo como a renda social, a posta en marcha dos orzamentos participativos, marcar as nosas prioridades... As dúas cuestións teñen que ser conciliables: o día a día, as pequenas cousa coas políticas transformadoras que sexan de calado.

-Con quen teñen mellor relación, co PSdeG o u co BNG?

-Hai moitas máis coincidencias co espazo do BNG. De feito, explorouse antes da aprobación dos orzamentos a posibilidade de integrar ao BNG na dinámica de goberno.

-Que ocurre para que na Deputación da Coruña a relación co PSOE sexa fluída pero nas cidades, sobre todo na Coruña, haxa un enfrontamento constante?

-Hai ese concepto de considernos intrusos. De onde ven este arquitecto, profesora, traballador de aeroporto? De repente chegamos para ocupar un espazo patrimonializado polas forzas tradicionais. Teño a sensación de que está normalizada a nosa chegada á institución e que está interiorizado que foi o que decidiu a cidade de Compostela. Xa non somos eses intrusos.

-Esto é extensivo ás cidades da Coruña e Ferrol?

- A sensanción é que no resto das cidades estase a ter máis dificultades. Pero en Compostela, nos últimos meses, máis alá do debate político e a diferencia de partes, enténdese que o que reflicte a corporación é o que decidiu a xente.

-Chegaron a reconsiderar a relación co PSdeG nas cidades?

-O problema de facer unha estratexia a nivel galego é a situación do propio PSOE. Está nun debate no que ten que decidir se facilita a apertura dunha nova etapa de gobernanzas ou adopta unha posición resistencialista no que eran as coordenadas do réxime do 78. De momento, eles mesmos teñen interiorizado non moverse desa equidistancia.

-Sobre a organización interna de En Marea, que impide que a día de hoxe, un mes despois do consello das mareas, aínda non haxa dirección nin portavoces?

-Non sei que o impide. Iso non é o que demanda a maioría social que nos deu o seu apoio. O espazo da Marea é ecléctico, mestizo e non pode asimilarse aos partidos tradicionais. Pero necesita dunha estructura e territorialización do espazo político. Escapando de estruturas ríxidas e de corte partidario clásico, deberiamos ser capaces de conciliar a autonomía das mareas, a mestizaxe do espazo cun proxecto claro que nos dea credibilidade para ter acción de goberno.

-Parace ser que custa máis do previsto esa conciliación...

-O espazo hai que definilo, pero para eso hai que ter vontade. Eso lévoo demandando nestes cinco anos de gran aventura. Definilo é abandonar as posicións de parte, sustanciar o que nos une e non o que nos separa e entender a que facer eso non nos obriga a renunciar a cadaquen ao que somos. Para eso fai falta xenerosidade e responsabilidade. Os resultados a nivel do Estado e do noso país frustraron as expectativas de apertura desa nova etapa. Pero os espazos políticos son moi potentes na actualidade e temos unha responsabilidade política. Polo tanto, hai que facer unha aposta clara por darlle continuidade ao espazo, en continua evolución, sempre acumulativa de forzas.

- ¿É partidario de que Villares sexa tamén portavoz orgánico?

-Os liderazgos constrúense máis alá dos cargos. No seu momento, eu entendía como lóxico que Villares pudiera ocupar unha responsabilidad similar a que ten no Parlamento, pero os debates van por diferenciar roles.

-Cree que é o acertado?

-Eu non quero alimentar ese debate. Aínda así Luís Villares é o referente público parlamentar da segunda forza do país. Todo é compatible, e Luís así o entente, se entemos a cuestión do liderazgo pola carga simbólica, polos liderazgos compartidos e o exercicio de corresponsabilidade. Ese non debe ser o problema para non permitir que evolucione un espazo político.

-O futuro de En Marea pasa por repetir alianza con Podemos? ¿Podemos suma ou resta?

-Podemos ten que poder participar do espazo da Marea. Tanto ás duras como ás maduras. Podemos emerxeu e aglutinou unha expresión política importante nestes anos. Aquí conseguiu entender que había un espazo político que viña de antes e que estaba lanzado. Con todos os problemas e distorsións, conseguiu integrarse. No proceso de construcción non valen os pasos cara atrás, hai que seguir avanzado. Non podo sustanciar onde están os sumatorios ou as restas no espazo. Aquí hai un proxecto galego en marcha desde antes e ten que ter a súa personalidade, un discurso centrado nas necesidades do país, atender a axenda galega e ser cooperativos coutras partes do Estado.

-Que obxectivos se marcan para as municipais de 2019?

-Conformámonos con chegar con vida ao 2019. (Ri).