"Máis unido e cohesionado que nunca". Así asegura Sanmartín que está o BNG que hoxe concurre a súa asamblea de reactualización cunha única candidatura liderada por Ana Pontón. Para a tamén vicepresidenta da Deputación da Coruña, que repetirá na ampliada executiva frentista, o Bloque "volve a ser ese referente claro" para moita xente nova tras promover unha renovación de caras e políticas: "Non se pode mirar polo retrovisor; xa estamos no BNG do 2018".

-O BNG convocou a asamblea da fin de semana co reto de "reactualizarse". Isto ven sendo...

-Hai un ano comezamos un proceso para facer unha análise dunha realidade que mudara moito nos últimos tempos e ver se o noso discurso e as mensaxes que lanzabamos eran entendidas. Falamos da vixencia do proxecto nacionalista, a realidade social de hoxe e as estratexias para fortalecer a organización nacionalista para que a nosa mensaxe chegue de maneira máis directa e con máis empatía. A partir desta asamblea esperamos ser capaces de lanzar unha estratexia de cara ao futuro e estar nun tempo novo.

-Que diagnose fixeron neste ano de debate do batacazo electoral nas xerais e nas autonómicas?

-Falamos do sistema en crise no que vivimos, as relacións económicas, a concentración de poder en determinadas instancias, como ten máis sentido que nunca a reinvidicación da soberanía? Conseguimos ser referentes novamente para sectores da población moi importante. Coa nova portavoz nacional e a renovación xeracional na dirección, recuperouse ilusión. O BNG non só está máis unido e cohesionado que nunca, senón con máis ilusión e proxectos de futuro.

-Sobre a desaparición do BNG no Congreso e o mínimo histórico de deputados no Hórreo non fixeron unha análise?

-É unha cuestión complexa. Entran cuestións que teñen que ver con procesos que hoxe están máis ca superados, que teñen que ver con escisións e conflictos internos; e tamén coa vertixe da vida política, na que aparecen novas forzas. Hai unha reordenación de todo o que significa a esquerda, e hai por tanto unha aceleración moi grande onde houbo unha perda de referencia que está máis que superada. Conseguimos de novo que haxa moita xente nova que está mirando cara o BNG. Volvemos a ser ese referente claro. É unha esperanza enorme que esa referencia se vexa no cada vez maior número de xente nova que quere participar do Bloque.

-Que fixo ou deixou de facer a formación frentista para que as mareas lle comeran espazo?

-O que máis nos interesa é a recuperación de moitísima xente que decidiu non apostar por ningunha forza, todo ese electorado abstencionista. Nós non nos confundimos de inimigo, sabemos que hai moitas cousas en común cas que o BNG demostrou que podiamos chegar a pactos, pero tamén sabemos que temos proxectos políticos diferentes. Queremos ofrecer ao do pobo galego ese modelo que temos para o país e que vai ser constatado nas próximas eleccións municipais.

-Un dos referentes do BNG cuestionou que nacionalistas "sen escrúpulos" votasen a En Marea. Compárteo?

-O BNG demostrou que sabe quen é o inimigo e cales son os problemas graves deste país: as políticas do PP. Nós facilitamos gobernos alternativos, pero queremos lanzar mensaxes claras á poboación: aquí hai un proxecto nacionalista, o único que está asentado no país sen ataduras con outras forzas de fóra e por suposto estamos dispostos a tecer todas as posibilidades de chegar a acordos polo ben do país. Á xente non lle importan as disputas que poida haber, senón que solucionemos os problemas da poboación.

-Nas autonómicas o PP revalidou a súa maioría absoluta, En Marea irrumpiu no Parlamento como segunda forza e o BNG quedouse con seis escanos. Victoria de Feijóo por méritos propios ou deméritos da esquerda?

-Que haxa diversidade de opcións políticas, non pode verse como un elemento negativo. Xuntáse a forma que ten de funcionar o PP, a desesperanza que houbo en grandes sectores da poboación que non acudiron a votar e, por suposto, tamén erros das outras opcións que temos que admitir. De todas maneiras, temos un grupo parlamentario no que hai un número de persoas novas importante, o que signitica ese salto cara outro momento e mirar cara adiante, cara as municipais para ofrecerlle á cidadanía un proxecto sólido e riguroso.

-Pero ese proxecto do que fala non convence a todos os que están nas filas nacionalistas: Beiras, Quintana e agora Vence. Que pasou para que algúns dos seus pesos pesados deixaran o barco?

-O único que podo facer é lamentar que haxa persoas que decidan deixar a organización. Esto non acontence só no Bloque. Eu podo falar do conxunto e da globalidade da formación; hoxe o BNG está nun momento de máxima coherencia e solidez no que a inmensa maioría está dacordo e coincidimos nunha liña a seguir. As últimas eleccións galegas demostraron que houbo un antes e un despois. Antes podía haber persoas que consideraban que o proxecto do Bloque podía ter problemas, pero despois desas eleccións, viuse que non. Traballamos por una política de futuro. En política, non se pode estar mirando polo retrovisor. Traballamos para que este BNG non sexa o de hai un ano ou cinco, xa estamos no BNG do 2018, 2019 e 2020. Esa é a estratexia na que estamos a traballar. Teño moitas esperanzas e ilusións postas nese Bloque do futuro.

-Ese BNG do futuro, volverá a ser a formación que Beiras levou á cima ou corre o risco de ser engulido polas mareas?

-Xa quedou atrás a discusión sobre se o Bloque era necesario ou non. Xa se viu nas últimas eleccións. O BNG de hoxe non é o de hai anos. Teño a completa seguridade de que vai ter un apoio importante da xente deste país. Estou convencida de que eso é necesario, cun proxecto nacionalista que saia de nós e sexa xerado en Galicia.

-O novo BNG está máis preto do PSdeG ou das mareas?

-O Bloque é un proxecto político propio. Por tanto non se mide en correlación a unhas forzas. O Bloque é a forza que ten o seu corazón neste país e non ten dependencias de ninguna outra organización de fóra. Se move unicamente para que a vida dos galegos sexa máis digna. Fóra diso, podemos chegar a acordos con outras forzas como as que mencionas.

-Tras o distanciamento de En Marea nas xerais, neste mandato municipal houbo un acercamento ás mareas.

-Non nos distanciamos. Para cuestións importantes para o conxunto dos veciños para Coruña ou Santiago, por exemplo, o BNG facilitou que houbese unha actuación do máis responsable prestando apoio á forza maioritaria. Non só para uns orzamentos, senón tamén para unha votación de investidura. O tema da integración ou non integración nas mareas é unha discusión arcaica e da prehistoria. Estamos noutro momento. O BNG ten un proxecto propio.

-A que ambicionan no Parlamento galego co novo proxecto?

-A meta é que a maioría social deste país considere que o nacionalismo e o BNG é a forza que pode solucionar os seus problemas e facer que esta nación prospere e se transforme e teña capacidade de decidir cara onde quere andar. O nacionalismo galego aspira a gobernar este país, a ser a forza maioritaria.