"Ser fiel ao meu mandato como presidente da Xunta, observar e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de Autonomía e as demais leis de Galicia e do Estado, e exercitar as miñas funcións no interese supremo e exclusivo de Galicia e de España". Prometino e reitero a miña promesa. Hoxe e cada día.

Porque ningún presidente autonómico pode obviar ou esquecer o significado destas palabras, en ningún momento e por ningunha causa. Traballo por Galicia, sempre o farei, coa honra e coas obrigas que implican este compromiso.

...

Dóeme Cataluña. Porque Galicia é España, e en consecuencia, o que ocorre no conxunto de España aféctalle a Galicia. E porque Cataluña é España e, en consecuencia, o que ocorre en Cataluña sentímolo tamén en Galicia. Por iso, eu sinto que ningún outro debate neste hemiciclo se celebrou en momentos políticos máis infaustos.

Porque, se ben é certo que houbo outros ataques ao noso Estado de Dereito con anterioridade nunca antes se producira algo tan lamentable como que os golpistas fosen políticos, e que ademais forzas políticas supostamente democráticas fosen ambiguas no seu rexeitamento e mesmo obstaculizasen o xeito de afrontalo.

Defender a convivencia é imprescindible. Eu fágoo sen paliativos nin peros de ningún tipo, e pídolles pactar unha proposta de resolución neste sentido. Pero tamén creo que, por si só, isto é insuficiente. Cómpre tamén seguir predicando co exemplo para que a nosa xente se sinta tranquila coa nosa postura ante o novo dilema sobre o que estamos obrigados a pronunciarnos. A democracia é votar -e facelo con garantías, en liberdade, baixo o amparo legal e nunha convocatoria imparcial- pero tamén respectar o que se vota -como a Constitución, os Estatutos e as leis que nos demos cos votos-. O contrario non é democracia.

E nesa disxuntiva, democracia si ou democracia non, en Galicia está clara a resposta: en Galicia si, en Galicia democracia si. Subscribo, por iso, cada unha das palabras que dixo Súa Maxestade El-Rei.

...

O ataque á Constitución por parte do independentismo é un ataque directo á democracia galega. O desacato reiterado ao Tribunal Constitucional, aos tribunais e xuíces ordinarios, e aos órganos consultivos, é un desafío á democracia galega. Tentar mudar pola forza o sistema autonómico do que nós tamén formamos parte é un asalto contra Galicia.

A subversión das normas que este Parlamento comparte con outras Cámaras autonómicas é un desafío ao parlamentarismo en xeral e, consecuentemente, ao galego. Cando se "pisotean os dereitos" dos cataláns tamén se atropelan os dereitos dos galegos.

...

De consumarse unha ruptura mediante procedementos antidemocráticos, procedementos golpistas, o Estado no seu conxunto quedaría danado, a estabilidade alterada, a convivencia viciada, a economía afectada, e o noso país non estaría á marxe das consecuencias. Por iso, defendemos todas as medidas que sexan necesarias para garantir que iso non vai pasar.

...

O Estado das Autonomías tamén é noso. Subliñar que ese Estado que se impugna pola forza é un Estado democrático pode parecer superfluo. Pero non o é.

Nas peores artes da propaganda, adóitase dicir que "unha mentira mil veces repetida convértese en verdade". Desgraciadamente foron máis de mil as veces que se ten cualificado o Estado democrático do que formamos parte os galegos como "autoritario" e "represor".

Esta é unha das peores mentiras que se poidan escoitar nun país como o noso, que sufriu as consecuencias dunha ditadura, e non hai tanto tempo.

Por iso, non está de máis que, nesta sede, reiteremos que a España da que formamos parte é unha democracia plena homologable con calquera democracia do mundo. Non vivimos nun réxime opresor que manexe ao seu antollo supostas colonias. Vivimos, señorías, nunha democracia.

A insurrección do independentismo non se produce contra unha ditadura, senón contra unha democracia. Non se fai por métodos democráticos, senón vulnerando todo tipo de normativas.

Non se leva adiante con respecto ao discrepante, senón condenándoo á condición de parlamentario ou cidadán de segunda categoría. Trátase, como reza o manifesto asinado por persoeiros que se presentaban como "de esquerda", dunha "estafa antidemocrática". A primeira estafada é Cataluña. Pero tamén todos os demais territorios de España. E, polo tanto, o noso, Galicia.

Así pois, en que lado, señoras e señores deputados, debe situarse un demócrata galego?

Porque hai debates nos que non cabe a ambigüidade. Ou se avala que se cuestionen as decisións dos xuíces, ou se condena. Ou se avala o incumprimento da lei, ou se condena.Ou se avala que se sinalen alcaldes, concelleiros e deputados pola súa ideoloxía, ou se condena. Ou se avala que se amedrenten as súas familias, ou se condena. Ou se avala que se intimiden xornalistas, ou se condena. Ou se avala que se ataque ás Forzas e Corpos de Seguridade, ou se condena. Ou se avala que se predique o supremacismo da metade dun pobo sobre a outra metade, ou se condena. Señorías, ou se avala que se utilice os menores cando se están a cometer ilegalidades, ou se condena.

Nada, nada, nada do que está a facer nos últimos tempos o nacionalismo catalán pode inspirar Galicia. Todo, todo, todo avergoña.

...

Tendo en conta todas as achegas que busquen a concordia que representa o noso pobo, a postura de Galicia non vai estar sometida, á imposición de ningún partido político ao que eu lle deba o meu cargo e o empregue constantemente como moeda de cambio. Señorías, eu só me debo ao meu país, o meu socio de goberno son os galegos e a miña coalición é con Galicia.

...

Igualmente, son moitas as voces que sitúan o xerme do problema catalán na dependencia que os sucesivos gobernos nacionais tiveron dos nacionalismos en España...

E a tiranía dalgunhas minorías queda máis patente que nunca agora, cun Goberno catalán convertido nunha marioneta en mans de partidos abertamente radicais e antisistema que decidiron o quen, o como e o cando de todo o que está a acontecer.

Para evitar estes efectos perversos, sigo pensando, e nestes tempos aínda con maior claridade, que, dentro das reformas políticas que necesita España, se debe traballar para blindar as administracións fronte á chantaxe daqueles partidos que non aceptan o papel que lles outorga a democracia, e que actúan pensando que só eles teñen que ser os protagonistas porque o país lles parece secundario.

Fago esta proposta desde a lexitimidade que me dá ser o único presidente autonómico apoiado por un partido que ten maioría absoluta. Ser, polo tanto, o único presidente á marxe deste problema. Porque Galicia, xa que así o quixeron os galegos, segue a ter asegurada a súa gobernabilidade.

Pero que o problema non o sufra Galicia directamente neste momento, non significa que o problema non exista. Por iso, defendo manter límites a que un só partido poida decidir o futuro de todos en todos os asuntos, pero evitando tamén que haxa outro -e por riba minoritario- con capacidade para poñer diques que nos impidan a todos avanzar. Porque señorías, a negociación é enriquecedora, pero a parálise non.

....

Non acepto que se aproveite a crise xerada polos independentistas como pretexto para desmantelar a descentralización do Estado. Nin tampouco que se deixe caer a idea de entregarnos, case sen posibilidade de réplica, aos postulados soberanistas.

... Falsamente, hai forzas políticas que pretenden arrogarse un suposto labor de mediación entre dous supostos extremos, e mesmo simulan dar alternativas. Están os que reclaman día si e día tamén 'solucións políticas', que curiosamente non concretan nunca. Tamén hai quen se interna no mero nominalismo, como se chamar a España dun xeito ou outro funcionase como un conxuro que fose resolver a situación ao instante.

Pero, señorías, e despois que? Falemos claro. O que se está a propoñer é de ceder algo -non se aclara que- aos que incumpren as normas e sinalan a todo aquel que non pensa coma eles. Pois ben, señorías. Non sei que pretenden os que están dispostos a facelo. Tampouco sei ata onde poderían chegar nin canto custaría. Pero si lles digo que ás costas de Galicia non o farán. Non o farán.

Facilitar que o conxunto dos cidadáns cataláns se sintan cómodos en España é unha tarefa compartida e aí estará Galicia coa man tendida. Pero o acomodo de quen incumpre a Constitución, o Estatuto e as leis non depende de quen si respecta as normas de convivencia. Só depende do seu retorno á cordura e á legalidade.

"Tots som esclaus de la llei, perque poguem ser lliures". Todos somos escravos da lei, para que poidamos ser libres. Galicia é libre porque está coa lei.

...

Por iso defendo que o noso país teña unha presenza activa, singular e construtiva, que se fundamente nunha pregunta esencial: ¿cal é o interese de Galicia?

Cal é o interese de Galicia? Que se produza unha quebra do Estado das Autonomías que abra paso a unha balcanización de España?

Cal é o interese de Galicia? Que se rompan os mecanismos que equilibran o modelo territorial, que se fracture a irmandade entre os pobos de España, que se esnaquice a convivencia?

Cal é o interese de Galicia? Que se lle negue aos galegos o dereito a decidir reformas que melloren a estrutura institucional?

Cal é o interese de Galicia? Que prime a nosa contribución ao progreso e ao benestar do conxunto de España ou a quen, en vez de solucionar dificultades, provocou máis?

Hai que responder como galegos. Partindo da nosa realidade, da nosa experiencia e das nosas expectativas como pobo. Responder como galegos para actuar como galegos.

En Galicia defendemos a nosa identidade sen necesidade de enfrontar á xente. Abrímola a quen a queira coñecer e ensinámola ao mundo... En Galicia defendemos a nosa cultura sen necesidade de infravalorar as dos demais...En Galicia defendemos o noso idioma sen necesidade de impoñelo.... En Galicia defendemos a nosa sociedade sen poñela entre a espada e a parede dun debate identitario...

Nós non cremos que a identidade sexa un xogo de suma cero no que para ser máis galegos haxa que ser menos españois, ou viceversa. Nós defendemos unha Galicia que sexa á vez española e europea, ou o que é o mesmo, unha Galicia xenuinamente galega.

Señorías, Galicia valora a diversidade, aprendeu e aprende doutros pobos aos que os respecta; pero que non nos cambiamos por ningún outro. Galicia quere seguir sendo Galicia e vai seguir sendo Galicia.

E por iso, Galicia non está nin estará ausente nin muda nos debates territoriais. Igual que nin estivo nin estará inmóbil ante a realidade económica. E igual que nin estivo nin estará á marxe das dificultades que vivan as mulleres e homes do noso país.

Non temos por que imitar ou envexar ou contemplar con complexo o que sucede noutros lugares porque o exemplo está aquí: podemos mirar con orgullo o que fixeron e fan cada día os galegos.

Moitas grazas.