Cales son os puntos fortes do proxecto co que se presenta e cales considera os débiles do seu rival?

Nestas primarias vaise confrontar un proxecto que naceu nun despacho deseñado polas baronías da organización que plantexan unha prórroga do pasado fronte ao noso programa que implica unha renovación, que conta coa militancia na toma de decisións e que busca fortalecer ás agrupacións locais.

Que folla de ruta plantexa para derrocar ao Partido Popular e converterse en alternativa a Feijóo?

Temos que gañarlle ás ideas conservadoras afianzando a nosa presenza nos ámbitos da sociedade civil e a partir de aí crear unha coalición social que aglutine os sectores e grupos que piden un cambio político. Feijóo acadou tres maiorías absolutas consecutivas en Galicia e é o PSdeG é o único partido que pode pilotar unha alternativa que garanta a alternancia no país.

Aceptaría pactar con outras forzas da esquerda se precisase o seu apoio para gobernar?

Somos a alternativa de esquerdas ao PP e unha formación con capacidade de goberno e de diálogo con outras forzas da esquerda pero o noso obxectivo debe centrarse en renovar e fortalecer o partido para liderar o cambio. Despois en cada convocatoria electoral teremos que estudar cales son estratexias de cooperación.

De que forma pretende acadar a unidade no PSdeG, clave na perda de apoios nas últimas citas electorais?

Hai que facer un exercicio de rexeneración e nesa liña o acordo con Leiceaga favorece que deste proceso saia unha Secretaría Xeral forte e cunha capacidade de integración máis ampla.

Como valora o pacto de Caballero con Leiceaga que reduciu o número de candidatos de tres a dous?

Este acordo debeuse á convenencia de ter un secretario xeral que acade máis do 50% dos votos e de reforzar o papel do noso portavoz parlamentario.

En que agrupacións locais conta con que o domingo reciba máis apoios a súa candidatura?

Todos os apoios son necesarios e hai que facer unha participación masiva para acadar esa renovación. Onte, no penúltimo día de campaña estiven na Coruña onde acadamos un respaldo importante nos avais que confiamos que aumente nos votos na cidade coruñesa e no conxunto da provincia.

Cre que dependendo do resultado agrandarase a brecha entre o norte e o sur de Galicia?

Pola miña banda en absoluto. O noso proxecto ten un componente galego e galeguista que tenta fuxir dos localismos porque o PSdeG non pode ser a suma de catro virreinatos provinciais. Son un vigués con máis de 22 anos de militancia e teño moi boa relación cos compañeiros de todas as agrupacións e en especial na da Coruña, unha das de referencia para o socialismo galego.

Contará co outro candidato para o seu equipo no caso de que vostede sexa o ganador o domingo?Antes hai que ganar as primarias e a partir de aí constituir o mellor equipo posible. Non teño ninguna referencia do que pode ser a dirección do partido.

E se perde uniríase ao outro proxecto se llo ofrecen ou pasaría a un segundo plano?

Non teño medo ningún a perder as primarias. Creo que esta é a candidatura do cambio pero se non pode ser teño unha vida laboral satisfactoria na universidade e ademaisseguiría na militancia activa do partido.