Ana Miranda tomou onte posesión do seu escano como eurodeputada do BNG dentro do grupo Verde-ALE co obxectivo de "ser a voz de Galicia" ante a "ausencia" da Xunta e o "pacto Bruxelas-Goberno español para excluir" a comunidade de investimentos clave como o Corredor Atlántico de mercadorías.

-Queda menos de ano e medio de lexislatura. Que marxe ten para aproveitar o seu escano?

-O BNG non parte de cero, xa traballei en moitas iniciativas. Agora o escano permíteme defendelas en comisión e no plenario. A lexislatura pasada tiven tantas iniciativas como algún grupo completo. Non é cuestión de tempo, senón de prioridades e traballo.

-E de lidiar coa densa burocracia comunitaria.

-A iso non lle teño medo porque coñezo a Comisión e o Europarlamento e traballei no Consello. Sei a que porta chamar. Imaxine no caso do Corredor Atlántico con Karima Delli, que é a presidenta da comisión de transporte do Parlamento e é do grupo Verdes-ALE, onde imos estar. Hai que evitar que a burocracia pise a acción política.

-A Eurocámara percíbese como un lugar alonxado. Pode resolver problemas dos galegos?

-A UE non vai resolver nada se non temos acción política, pero no Parlamento Europeo si se pode ter influencia se se traen os problemas dos cidadáns. Outra cousa é vir aquí a votar listas de voto de partidos grandes e pasar sen pena nin gloria. Aquí trouxéronse o problema do xeito, do Alvia, das traballadoras... Hai políticos que estamos aquí para dar a cara e non para pasar.

-Ás veces desdéñase a Eurocámara como "cemiterio de elefantes".

-Son a máis nova dos galegos e non quero dicir nada. Hai un descrédito da política que a partidos corruptos como o PP lles interesa. Aos que damos a cara non nos interesa. Onte saía o índice de calidade democrática da Comisión Europea nas rexións e Galicia está nos peores postos. Vendo as caixas B, M. Rajoy, Gürtel... ao poder non lle gustan que saian voces alternativas.

-Que pode lograr na Cámara?

-Traer problemas nosos e levalos a comisión, como o caso do Corredor Atlántico ou o dos fondos de cohesión. Conseguimos que a Comisión retirase unha proposta que afectaba ao xeito, iso nunca pasara. Hai marxe, pero hai que ter valentía e buscar alianzas. O problema é que o Goberno galego está ausente en Bruxelas. Hai lugares como Escocia que funcionan como embaixadas e levan tempo preparando o Brexit ou os fondos de cohesión, pero Galicia non. Nós seremos útiles. Queremos que a xente sinta que somos o escano de Galicia.

-Como se pode reverter a exclusión de Galicia do Corredor Atlántico, que nos alonxa de Europa?

-O illamento ven tamén porque temos gobernos moi conservadores que pensan en Madrid e non presionaron para incluirnos nese corredor. Tamén deixaron o porto de Vigo fóra. Ademais, os recortes que veñen desde Bruxelas, apoiados por Rajoy e Feijóo, tamén nos deixan nunha situación limitada. Hai un pacto Bruxelas-Estado que nos exclúe. Se tivesemos unha voz nacionalista forte defenderiamos as cousas doutra maneira. No tema da exclusión do Corredor Atlántico hai que facer lobby xa, xa perdemos oportunidades para o porto de Vigo ou o saneamento das rías, que debería estar finalizado. A Comisión Europa está xa alertando que podemos perder fondos de cohesión e manter os da PAC, pero estos nunca nos beneficiaron. Os fondos estruturuais e de cohesión son máis necesarios ca nunca pola precariedade. Hai traballadores pobres.

-Que tempo hai?

-A negociación empeza este ano e queda ata 2020. Deberiamos facer disto cuestión de país para que nos dean o que é noso. Agora usábase a renda media como criterio, pero temos problemas medioambientais, paro da mocidade por riba da media europea, o problema demográfico ou a baixa calidade do traballo. Hai que telo en conta. Ademais, a precariedade estase herdando. É un grande delito desta sociedade.

-Hai opción de facer lobby con deputados galegos doutros grupos políticos?

-No BNG sempre estamos abertos a colaborar con quen traballe por Galicia, menos a extrema dereita. Pero hai que ver propostas que fixemos no pasado e non quixeron. Hai que tratarse de igual a igual.

-Que agarda do Brexit ?

-Hai un impacto moi forte sobre a pesca, pero tamén preocupa o que terá sobre a circulación de traballadores. Poderían quedar nun limbo e afectar aos seus dereitos sanitarios.

-E perdemos o laboratorio de bivalvos, que o Goberno non pedíu para Galicia.

-Efectivamente. O Estado non o quixo, igual que non quixo que o porto de Vigo fose porto prioritario nin que estivesemos no Corredor Atlántico. Hai decisións políticas para que sexamos periferia. O gran debate é revertir esa situación e que Galicia no sexa moeda de cambio de gobernos que non nos defenden, como os de Rajoy e Feijóo.

-Que futuro ten a súa denuncia sobre a falta de seguridade na curva de Angrois?

-Presenteina en xullo do ano pasado e está sendo tratada pola Comisión Europea por se lle abre un proceso a España por infracción da normativa europea en materia de seguridade ferroviaria. Mañá [por hoxe] vou á Comisión a aportar información. Hai que manter o tema vivo porque estou convencida de que ese tren non debía circular porque no se controlou o risco.