12 de marzo de 2018
12.03.2018

Unha ILP para mellorar o monte galego

12.03.2018 | 00:57

ILP son as siglas de Iniciativa Lexislativa Popular, isto é, un mecanismo democrático amparado na Constitución española pola que as persoas poden presentar iniciativas de carácter público (como poden ser reformas dunha lei) sen ser representantes populares nos seus respectivos congresos. En Galicia as ILP están reguladas pola lei 7/2015, de 7 de agosto, e exércense perante o Parlamento de Galicia por medio da presentación de proposicións de lei asinadas por un mínimo de 10000 cidadáns ou cidadás inscritos no censo electoral. Unha das iniciativas que están activas a día de hoxe na nosa terra é a ILP pola defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios. Está impulsada pola Alianza por un rural galego vivo, da que forman parte varios colectivos como é o caso de Cousa de Raíces.

En titulares, esta é unha ILP a favor dun monte diversificado e multifuncional, da diversificación dos hábitats naturais e coa mentalidade posta en reducir os lumes forestais. Xa que logo, é unha ILP contra a proliferación dos eucaliptos (en especial Eucalyptus globulus e E. nitens), que xa ocupan máis de medio millón de hectáreas en Galicia. Lembrar que os eucaliptos son especie pirófitas -ardendo ata tres veces e media máis que os bosques caducifolios autóctonos-, ademais de presentar valores de diversidade e abundancia de flora e fauna significativamente menores que os hábitats nativos. A ILP tamén se posiciona contra o abandono crecente do medio rural, unha vez que política forestal actual provoca a marxinación do sector agrogandeiro a cambio de favorecer monopolios pasteiros e madeireiros. Incluso é unha iniciativa contra o Proxecto de Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galicia, chamada por moitos colectivos sociais e ambientalistas "Lei de Depredación de Galicia". Este Proxecto de Lei daría luz verde a cultivos enerxéticos para biomasa por todo o país, que conlevarían aínda máis monocultivos forestais arreo do territorio, incluso en zonas que ata agora se salvaron da febre forestalizadora.

Para lograr estes obxectivos de monte diversificado e rural vivo, a ILP propón unha redución progresiva do eucalipto en Galicia, que incluiría medidas como eliminar cultivos ilegais de E. globulus e E. nitens e unha moratoria indefinida para novas plantacións destas especies -idéntica á que se vai poñer en marcha este mesmo mes de marzo en Portugal-. Tamén se propón acoutar as masas de eucaliptos xa existentes, distanciándoas de propiedades, viais, ríos e elementos patrimoniais, e incluso suxírese crear reservas de bosque nativo dentro das plantacións existentes.

Ademais, esta ILP aposta por un novo modelo forestal, con maior xestión pública e en man común e contra a visión mercantilista da "Lei de Depredación". Tamén aposta por facer sustentable o monte a través de axudas e exencións fiscais para o bosque autóctono e o seu aproveitamento (madeira, froitos, cogomelos, etc). Contra os lumes, esíxese que o Pladiga sexa anual e aprobado con suficiente antelación, así fomentar o pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de desbroce e prevención.

En definitiva, téntase lograr unha sustentabilidade económica e social do monte galego, á vez que diminuir o risco de incendios. Para iso cómpre apoiar coa nosa sinatura iniciativas como esta. En concellos de toda Galicia estanse a organizar recollidas de apoios desta ILP; pódense consultar lugares e datas no blogue de Cousa de Raíces. Todo sexa por mellorar o monte galego.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia