Unha denuncia dun hostaleiro da comarca do Barbanza polo roubo duns bidóns de aceite derivou nunha investigación de dúas empresas fraudulentas que cometían irregularidades e actividades ilícitas na reciclaxe e xestión do aceite vexetal da hostalaría. Esta demanda e outras de máis empresarios da provincia da Coruña e Ourense derivaron na operación Aseiteiro, no marco da cal a Garda Civil de Boiro detivo a dúas persoas -unha da Coruña e outra de Pontevedra- e investiga a unha terceira de Sevilla acusados da presunta autoría de varios delitos contra a propiedade: un de furto continuado, outro de estafa e un terceiro de receptación de efectos sustraídos e de falsedade documental. Os acusados chegaron a facerse con 11 toneladas de aceites e outras graxas vexetais e 240 bidóns valorados en 6.500 euros.

Nas xestións da Garda Civil verificouse que algunhas das empresas denunciadas ofertaban bidóns procedentes da recollida de aceites nunha páxina de anuncios de internet. Moitos deles pertencían, de feito, aos empresarios que presentaron as denuncias. As investigacións realizadas constatan que ese aceite vendíase para producir combustible biodiésel en fábricas de Portugal. Ademais, durante unha inspección nunha nave na localidade coruñesa de Curtis os axentes, en colaboración coa Patrulla do Servizo de Protección da Natureza da Coruña, localizaron bidóns roubados aos hostaleiros denunciantes. Esta empresa, vinculada a unha das dúas investigadas, tampouco contaba con autorización para almacenar e tratar aceites usados.

A suposta trama da operación Aseiteiro consistía en que operarios das dúas entidades fraudulentas demandadas recollían os bidóns e o aceite usado facéndose pasar por empregados de empresas autorizadas, e nalgún caso mesmo co logotipo da firma dunha das entidades denunciadas. Un dos negocios investigados outorgaba aos hostaleiros xustificantes de recollida de residuos e certificados falsos co distintivo dun organismo certificador da Unión Europea para controlar a trazabilidade do aceite e o seu destino á producción de biodiésel. Ao constatarse precisamente a falla da autorización para a recollida e o almacenamento de residuos de cociña, motivo polo que se informou dos feitos á Consellería de Medio Ambiente.

A Xunta xa paralizou no ano 2004 a catro empresas e investigou a unha quincena -a maioría na cidade a Coruña e a súa área metropolitana- que recollían aceite en restaurantes e que tiñan o seus almacén domiciliado en despachos de avogados, xestorías ou aseguradoras. A Policía Autonómica tamén indagou se detrás destas entidades e autónomos se agochaba unha rede de blanqueo que podería acadar os dous millóns de euros.