06 de junio de 2018
06.06.2018

Rozando todo

06.06.2018 | 03:03
A rula común (´streptopelia turtur´) é unha especie ameazada a nivel mundial que se pode ver afectada polas rozas de matogueira na época de cría.

Na medianoite do día 1 de xuño entrou en vigor a obriga de ter "limpas" as fincas próximas a vivendas en toda Galicia, en virtude da lei 7/2012 de montes de Galicia. Isto supón que se eliminen todas as especies arbóreas propagadoras do lume -como acacias, piñeiros e eucaliptos- que medren a menos de 50 metros das vivendas. Tamén obriga a limpar a "maleza" (como silveiras, toxos e abruñeiros) nesta faixa. Estas medidas paliarían teoricamente a afección dos lumes a núcleos habitados, pero teñen detrás unha serie de problemas e cuestións. Identifico seis especialmente chamativos:

1) Os responsables destas rozas serían teoricamente os concellos, que, a miúdo, non teñen medios humanos nin económicos para facelas efectivas. De aí as queixas nas últimas semanas de multitude de alcaldes arreo de Galicia acerca da imposibilidade de realizar estas accións, que poderían ter sido acometidas xa desde o mesmo ano 2012 cunha planificación axeitada e unhas axudas suficientes.

2) Non se deron directrices de como proceder coa "maleza" constituída por especies exóticas invasoras. É moi probable que esta auténtica "febre das rozas" propicie a propagación de especies como plumachos da Pampa, tritonias e incluso bambús xaponeses unha vez que non se especifica que facer cos restos vexetais destas especies altamente nocivas para o medio natural.

3) Non está claro que acontece coas especies caducifolias autóctonas -como carballos, amieiros ou pradairos-, que na teoría non son propagadoras de lume pero que, segundo esta normativa, hai que "abordar". Na lei de montes dise que a menos de 15 metros das casas non debería haber estas árbores autóctonas: supón isto ter que cortar carballos centenarios en xardíns ou parques? Castiñeiros tamén? As novas recomendacións da Xunta, sorprendentemente, falan de ampliar a 30 metros a faixa sen estas árbores, e que entre os 30 e os 50 metros de distancia das casas os pés estean separados 7 metros. É necesario isto? Non se deberían destinar os esforzos a erradicar só acacias, piñeiros e eucaliptos, que son os verdadeiros propagadores dos lumes?

4) Resulta triste comprobar como as rozas de maleza e a tala de árbores foi concentrada no mes de maio, en plena época de cría, especialmente sensible para multitude de aves protexidas. Hai xa evidencias -moitas delas publicadas en redes sociais- de niños de rulas comúns, merlos, gaios, paporroibos e pombos estragados por estas rozas urxentes. A lei 9/2001 de conservación da natureza de Galicia especifica no seu artigo 53 que está prohibido "dar morte, danar, molestar ou inquietar intencionadamente as especies animais obxecto desta lei, con especial atención ás especies autóctonas, así como capturalas en vivo e recoller os seus ovos ou crías". Estas rozas en maio (e tamén en xuño, xullo e agosto) son absolutamente incompatibles con este artigo, e deberían ser concentradas nos meses de outubro a marzo, fóra da época de reprodución destas especies protexidas e de toda a fauna en xeral. Algunhas delas -como a rula común- están mesmo ameazadas a nivel global.

5) Baixo o paraugas de "limpar maleza" poderíanse perpetrar danos a hábitats de interese comunitaria como uceiras secas atlánticas costeiras e uceiras húmidas atlánticas de zonas tépedas (*), que veñen sufrindo desde os anos 60 unha urbanización a miúdo descontrolada. Tamén os hábitats de bosques aluviais de ribeira e carballeiras galego-portuguesas preto de aldeas poderían sufrir danos coa excusa dos "clareos" de árbores autóctonas.

6) Por último, convén pensar na raíz do problema: tanto os incendios como esta auténtica "febre das rozas" son consecuencia dun progresivo abandono da agricultura e un aproveitamento forestal de eficacia e sustentabilidade ecolóxica máis que discutible (**). E todo isto nun contexto de cada vez maior poboación "urbanita" e unha ausencia de políticas eficaces para o rural galego. Sen un cambio de rumbo, que fixe poboación no rural a través do desenvolvemento dunha agricultura e gandeiría en extensivo (sinónimo de calidade e sustentabilidade) e dun monte multiprodutivo correctamente manexado seguiremos tendo que rozar e rozar, sen que iso nos asegure evitar os lumes.

*Universidad da Coruña / G.N Hábitat

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


Enlaces recomendados: Premios Cine