Estamos nun momento singular: desde o Parlamento de Galicia, con transversalidade, conseguimos impulsar un cambio nunha política como a forestal, que afecta a dous terzos do noso territorio. Con participación social e rigor técnico, a partir dunha esixencia universal de consenso á que quixemos dar unha resposta positiva. Por riba do 80% das recomendacións son compartidas por todos os grupos.

Non lle estamos poñendo nota ao Goberno de Feijóo en política forestal. Estaría ben suspenso. Non. Estamos poñéndolle deberes a este e a outros gobernos do futuro.

Ten lugar unha rectificación en profundidade da política forestal levada a cabo polo goberno da Xunta de Galicia nos últimos 10 anos, poñendo en valor as medidas emprendidas entre os anos 2005 e 2009 (Banco de Terras, incremento dos terreos forestais para aproveitamento gandeiro extensivo; proxectos multifuncionais, equilibro entre as especies...).

Pasaremos dun sector forestal sen control, na que os máis fortes impoñen a súa lei, a un sistema equilibrado, cunha intervención pública que compensa ao mercado, orienta as decisións e traballa polo ben común e a sustentabilidade. Con regras e control sobre o seu cumprimento. Con novos mecanismos de participación social (Consello das Comunidades de montes veciñais de man común, os Comités Forestais de Distrito...) e unha anual rendición parlamentaria de contas. Condicionando ao novo Plan Forestal en exposición pública, que tería que recoller estas recomendacións. Agora non aprobamos o Plan Forestal: poñémoslle deberes.

Coa nova política estará máis próximo un monte que compatibilice a función produtiva, a ecolóxica e a social, multifuncional, que capte investimentos, ordenado, dentro dunha organización xeral do territorio. Con xestión conxunta das superficies, manexado con profesionalidade, no que se promovan as frondosas e se poña límites aos monocultivos, con comunidades veciñais vivas, pero con solucións viábeis e control público para os montes degradados ou abandonados. Con máis prevención, liberando aos concellos de soportar en solitario esta carga, e un dispositivo público unificado de actuación contra os lumes.