Luís Villares gañou as primarias co 60% dos votos, pero os críticos non recoñecen os resultados e sobre En Marea sobrevoa a ameaza de ruptura. Sen embargo, para o voceiro da formación os resultados das eleccións son un punto é final ao enfrontamento. Pide aos críticos que tomen nota dos resultados e insiste en tender a man para recompoñer o espazo político conxunto.

-Gañou o proceso de primarias co 60% dos votos. Como valora a vitoria?

-Unha diferenza de 20 puntos é unha diferenza importante. A xente valorou que quixeramos facer protagonista a toda a militancia.

-O sector crítico denuncia "pucherazo". Pensa que pode ser unha excusa para marchar de En Marea?

-Están no seu dereito a denunciar o que queiran. Pero ata o de agora o que quedou acreditado é que o único intento de pucherazo que houbo foi o da xente que entrou indebidamente no censo a facer o que non debían.

-Pode romperse En Marea?

-Eu non imaxino quen podería querer romper e por que. Que alguen explique cales son as razóns políticas para separarse. Eu non escoitei nunca unha soa diferenza política que puidese xustificar unha ruptura do proxecto.

-Pero houbo acusacións moi graves, denuncias á Fiscalía, á Garda Civil...

-Algunhas cousas que se dixeron, eu encádroas no nerviosismo propio do momento electoral. Quero pensar que non as pensaban realmente. Hai que restarlles ferro. Eu fago un chamamento á responsabilidade. Nestes dous anos os críticos no participaron nos órganos de En Marea con regularidade. E gustaríame contar con eles.

-Vostede quítalle ferro, pero pensa que a cidadanía os pode visualizar como alternativa ao PP despois do que aconteceu?

-Non lle quito ferro, sitúoo no seu contexto. O que pido agora é pechar feridas, pechar filas e construír un proxecto alternativo a Núñez Feijóo. O momento de falar de nós acabouse. Non me cabe pensar que por parte da outra candidatura se siga pensando en enredar. É necesario restaurar a confianza.

-Os críticos sopesan deixar En Marea. Teme que poida haber unha escisión do grupo parlamentario na Cámara galega?

-Toca reflexionar sobre os resultados. Hai que escoitar ás persoas que votaron. A xente respaldou un proxecto unitario e colectivo, non un proxecto de capeliñas e suma de siglas.

-Fixo un chamamento á reconciliación aos alcaldes do cambio. E con Podemos?

-Eu distinguiría á cúpula das bases. Tentouse manipular ás bases como se fosen brazos de madeira nestas primarias. A xente de Podemos é maior de idade e non obedece cegamente ao seu secretario xeral, porque aquí non hai mesías.

-Entón, ve posible traballar man con man co secretario xeral de Podemos en Galicia?

-Antón Gómez-Reino, aparte de ser líder de Podemos, é o voceiro de En Marea no Parlamento español, polo tanto, é desexable que poidamos entendernos. Pero eu penso que estas eleccións foron unha chamada de atención para corrixir certas cousas e sei que Gómez-Reino vaino entender perfectamente.

-Falou cos alcaldes do cambio tras coñecerse os resultados das primarias?

-Non. É epoca de festas...

-Pensa que a dirección de Anova se equivocou ao alinearse coa lista dos críticos, cando o polo nacionalista está nucleado en torno a súa candidatura?

-Ten lexitimidade para alinearse con quen queira. O que eu non entendería é que dende Anova se alentase una ruptura porque sería a antítese do proxecto soñado por Beiras. Sería un erro gordísimo, que ninguén lle perdoaría. Sería contrariar o espíritu de Beiras.

-Falou con Xosé Manuel Beiras ultimamente?

-Non nas últimas horas, pero si ao longo de todo este tempo. É de louvar a súa prudencia e sabiduría, apartándose. Había dous proxectos e neses proxectos había xente da súa propia organización.