O patrón maior da confraría de Fisterra, José Manuel Martínez Escarís, foi reelixido coma líder do seu pósito e cando remate a lexislatura sumará 20 anos no cargo. Un dos problemas que máis afecta á flota de Fisterra é a falta de cotas, que repercute na economía do pósito e nas poxas que se realizan na lonxa local.

- Leva xa 16 anos no cargo. Ter esa experiencia detrás facilita a súa labor?

-Si, xa estás curtido en mil batallas. Cando comecei recordo que me preocupaba de ter todo ao minuto, quería ter feito e arranxado todo ao instante. Agora vén un problema e tratas de solucionalo, pero dende outra perspectiva. Ao levar tantos anos xa ves e afrontas as cousas doutra maneira.

- Cal é a situación económica da confraría?

-A excepción dalgúns anos, durante a crise sobre todo na que o pasamos mal, está indo ben. Dende que collemos na xestión da confraría á lonxa, que era municipal ata que entrei no pósito, as cousas vannos ben tirando a moi ben.

- A lonxa achega moitos ingresos ao pósito?

-Si. Cando a levaba o Concello tiña un déficit anual de 50.000 euros e conseguimos reverter a situación e temos un superávit de 50.000 euros. Pero isto fomos capaces de logralo grazas a base de moito traballo, de buscar compradores, de poñer en valor o produto?

- Ata principios de decembro as vendas na lonxa caeron preto dun 27% en comparación co 2017, sen embargo os ingresos non decreceron tanto. Cales foron os motivos deste descenso?

-O exemplo claro é o tema do polbo. Houbo pouca cantidade do cefalópodo, peor acadou uns prezos históricos xa que no verán chegou a venderse por 16 euros o quilo. Co cal si, resentiuse a nivel de cantidade vendida nas poxas, pero non tanto a nivel de facturación.

- Que dificultades afronta a súa confraría?

-Os problemas que máis temos son os que tamén sofre a maioría da flota a nivel autonómico. Sobre todo o que máis nos prexudica é o tema dos recortes a nivel europeo nas posibilidades de pesca das especies. Hai veces nas que che pecha a merluza, a raia, a xarda? e iso nótase a nivel económico, sobre todo na lonxa porque deixas de facturar moitos cartos. Pero hai que convivir con iso. Non queda outra que adaptarse. Estamos na Unión Europea e as cousas veñen así.

- Ten previsto algún proxecto para realizar ao longo destes catro anos?

-Sempre hai cousas que facer, pero agora mesmo a nivel de infraestruturas temos unha lonxa relativamente nova e tamén se fixo un contradique. O que quero e desexo desenvolver é a segunda fase deste contradique para pechar o peirao definitivamente e protexelo dos ventos do norte e do nordés. Por iso quero conseguir que se constrúa a outra parte. É unha obra importante, pero agardo que a poidamos facer e que quede lista antes do final desta lexislatura, que se me da para xubilarme pode ser a miña última.

- Hai relevo xeracional ou a xente nova mira cara outros traballos?

-Sempre houbo relevo xeracional, o que pasa e que agora a mocidade mira para outro lado. De feito na actualidade as tripulacións están formadas por un gran número de senegaleses, cousa que ata agora en Fisterra non era así. Os pais queren un futuro mellor para os fillos, por iso estudan ou procuran outros traballos.

- Considera que a pesca é un oficio con futuro?

-Si, penso que si. Moita xente vai a traballar nisto, xa sexa porque le gusta ou porque hai falta de emprego noutros sectores. Hai futuro, pero ás veces as normas que veñen de Europa asfixian un pouco, pero o mar é algo que sempre estivo aí, do que se vive dignamente. É duro obviamente, pero tamén ten a súa parte boa.

- Como ve o reparto de cotas que se acordou o día 18 en Bruxelas?

-En liñas xerais ben. Non houbo recortes na merluza, que era o que máis nos preocupaba. O que si que perdemos foi bastante cantidade de caballa, que habitualmente abre e pecha moi cedo. Nunca estás satisfeito, pero como se soe dicir, é o que hai.

- As administracións están a facer ben as cousas?

-Entendo a complexidade que hai ao ter que debater con todos os países membros da Unión Europea, xa que uns queren conseguir disto e outros reducir aquilo. Pero se se pode conseguir máis cantidade para a pesca, mellor.

- A partir do martes entra en vigor a normativa que prohibe realizar descartes. Como afectará á flota de Fisterra?

-Esa política aínda non está moi clara. Esta semana falamos coa Federación Galega de Confrarías e hai prevista unha reunión o día 10 para ver como se concretan as cousas porque aínda non o teñen claro os que implantaron a normativa. Pero na baixura non afectará tanto a prohibición dos descartes polas cantidades que se pescan. Temos que ver como é a normativa para saber cales poden ser as consecuencias. Esperemos que tras a reunión do 10 de xaneiro se aclare.

- A semana pasada houbo dous naufraxios que se levaron vidas de mariñeiros. Que se podería facer para intentar previr estes accidentes?

-É moi difícil. O mar de vez en cando cóbrase o seu tributo. Todo o que implique ter medidas de precaución sempre axuda, pero por exemplo o Sin Querer Dos estaba dotado das últimas tecnoloxías. O mar é impredicible, venche unha ola, tómbache un pouco e chega outra e acabas de envorcar. Non tes capacidade de reacción. O mar foi sempre así.

- Por moi equipado que vai un barco todo pode pasar.

-Si. Por moi ben preparado e provisto que esteas o mar é moi falso. Dáche un golpe, tes un despiste, vas por riba de pedras, dun baixo, afundes e se te da tempo a tirar a balsa aínda tes sorte, e cando non podes pasan desgrazas como as da semana pasada. Ou o que pasou en Malpica dentro do propio peirao. O mar é tremendo.

- A xente non chega a valorar correctamente a vosa profesión nin os riscos que ten traballar no mar?

-Si, hai persoas que non teñen estes factores en conta, nin o esforzo que comporta traer o peixe para terra. Hai xente que se sorprende polos prezos que alcanzan algúns produtos no mercado, din que están caros, pero é que non se ten en conta que os mariñeiros levántanse ás dúas da madrugada para ir a faenar, pasan 24 horas no mar, con temporais, vento, frío, chuvia? Pero non se valora máis por descoñecemento que por outra cousa.