Galicia ten 11 millóns de fincas rústicas e máis de 1,6 millóns de propietarios. O 97% do monte está en mans privadas e un tercio dos propietarios das parcelas están ilocalizables. A tarefa de tentar montar este crebacabezas recae dende setembro en José González Vázquez, que xa ten traballo adiantado pola sua participación na comisión parlamentaria de estudo e análise das políticas forestais e de prevención contra os lumes.

-Que medidas prevé para frear o abandono do rural?

-Levamos dous meses traballando nunha norma que nos dará seguridade xurídica. Será unha lei para a recuperación e a posta en valor da terra produtiva de Galicia. A comunidade ten un chan riquísimo, e unha capacidade de xerar produtos de máxima calidade.

-Que ferramentas usará para poñer a producir esta terra?

-Recollerá a posibilidade de que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) compre terras para poñelas a disposición daqueles que as queira traballar: que ninguén que estea no rural deixe de ter a súa explotación por falta de base territorial. Traballaremos a demanda. Poñeremos en conexión aos que ofertan e aos que demandan. Outro dos aspectos importantes da lei é o que vai estar adicado aos incentivos fiscais. Vamos incentivar fiscalmente que a xente poida participar nesa recuperación e posta en valor da terra produtiva.

-Que incentivos serán?

-Afectará aos impostos autonómicos, pero falaremos tamén co Goberno do Estado para que poidan aplicar rebaixas no IRPF e no imposto de Sociedades.

-Cando se aprobará esta lei?

-O noso compromiso é que estea aprobada no 2019.

-Galicia perdeu case a metade das granxas nunha década. Acabou este proceso de reestruturación ou pensa que aínda poden pechar máis explotacións?

-Neste proceso de reconversión non van quedar as máis grandes, senón as máis rendibles. O que se fai en Galicia, o produto, a cociña, a materia prima é mellor que a dos demais sitios de España. Eso temos que poñelo en valor e ser capaces de trasladalo ao prezo dos produtos que venden os nosos agricultores e gandeiros. Para iso debemos promocionar o valor engadido que teñen os nosos produtos por ser galegos. Temos que ser moi fortes na defensa do noso produto, que por ser galego é de maior calidade.

-Constituíuse un grupo de expertos, a instancias do dictamen da comisión sobre os lumes, para revisar o dispositivo de extinción. Que se pode mellorar?

-A clave da extinción é anticiparse ao problema. O primeiro que dicimos é que un monte ordenado e limpo é a maior devasa natural contra os lumes. Queremos un servizo versátil, que cando non estea na extinción estea traballando na prevención. E ampliamos o periodo de risco para a contratación de persoal, que este ano pasou de tres a catro meses, en 2019 será de cinco meses e en 2020 de seis. E ademais os 600 traballadores de Seaga e Tragsa pasámolos ao servizo, na búsqueda dun servizo público, único, versátil e o máis profesionalizado posible.

-Algunha das conclusións dese grupo de expertos creado para revisar o sistema estará en vigor xa para o verán de 2019?

-Eu pedinlle expresamente que se había algo que eles consideraran necesario que o dixeran canto antes. A nosa aposta é tratar de implantar os mecanismos de mellora o antes posible.

-Tanto a Fiscalía como no dictamen da comisión parlamentaria creada para investigar os lumes constatouse que non houbo nin tramas incendiarias nin terroristas. Equivocouse a Xunta ao usar estas expresións para referirse aos incendiarios?

-Para min todos aqueles que consciente e intencionadamente poñen en perigo o patrimonio natural ou vidas humanas son, sen ningunha dúbida, terroristas. Non vou entrar en disquisicións sobre se son tramas, terroristas... Son xente malvada e ten que caer sobre eles todo o peso da lei. E tamén avanzo que cando foi o incendio de Mondariz, aos responsables dos incendios, ademais da pena que lles caia, tamén terán a responsabilidade civil e deberán facer fronte a todos os gastos que ocasionou o lumes, que neste caso foron máis de 100.000 euros.

-Séguese gastando máis en extinción que en prevención?

-Dúas terceiras partes destinadas a valorización do monte son en prevención, non en extinción. O orzamento de extinción mantense ano a ano nos mesmos importes. En 2019 haberá un incremento polo custe de contratar ao personal durante cinco meses.

-Firmouse un convenio con 152 concellos para a limpeza de franxas de seguridade. Cantas estarán desbrozadas antes do próximo verán?

-Vai a levar tempo e traballo. Faremos xa este ano un esforzo importante. Son 28 millóns de euros. Primeiro faremos un plan básico de prevención e extinción para todos os concellos. Pero hai que ter en conta que en Galicia hai 30.000 núcleos de poboación. É un traballo descomunal. Vámoslle facer os planos desas franxas aos concellos e vámoslle facilitar os titulares catastrais desas parcelas. Despois seleccionaranse con criterios obxectivos as parroquias nas que empezaremos os traballos. A nosa filosofía é que cando se entre a limpar nunha aldea, se faga só unha vez. Unha vez estean limpas implantarase a actividade agrogandeira: un sitio para pastar as ovellas, frutais, horta, viñedos. Buscamos recuperar a actividade agrogandeira que sempre houbo ao redor das aldeas. É máis barato facer prevención desa forma que limpar todos os anos.

-Deseucaliptización foi elixida a palabra en galego do ano. Nota cada vez un maior rechazo ao eucalipto na sociedade?

-Nós defendemos un monte multifuncional, vivo, dinámico e sostible social e economicamente. Non vamos demonizar ningunha especie nin defender ningún monocultivo.

-Pero a superficie de eucalipto xa duplicou o previsto no Plan Forestal vixente...

-O novo Plan Forestal fixa unhas superficies máximas e nós temos claro que o eucalipto ten sitio dentro desa superficie fixada. Agora estamos elaborando un inventario forestal, se houbera maior superficie de eucalipto tomaríanse as medidas oportunas.