A desaparición de explotacións agrarias é unha tendencia que Galicia vive desde mediados da década dos noventa. A despoboación do rural galego provocou a falta de relevo xeracional en moitas granxas de leite, o que unido á perda debido aos baixos prezos pola venda da leite „Galicia sempre se sitúa como a autonomía coas tarifas máis baixas„ obrigan a pechar a unha media de medio milleiro explotacións por ano. A Federación Rural Galega (Fruga) advirte de que no último ano pecharon máis de 400 instalacións deste tipo baixando o número de produtores con entregas de leite á industria ata os 7.458, tal como se recolle no último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) sobre os datos de marzo. Son vinte menos que no mes anterior e 408 por debaixo dos contabilizados en marzo do ano pasado. Se comparan os datos con 2008, cando a comunidade galega contaba con 13.546 explotacións, o sector lácteo perdeu durante a crise máis de 6.000 granxas de leite.

O coordinador en Lugo de Fruga, Elías Somoza, considera que esta tendencia que aboca ás explotacións a desaparecer débese, en parte, a que pese á aprobación a comezos de ano do contrato-tipo homologado para garantir a transparencia, á industria está impoñendo prezos de forma "unilateral" sen ningún tipo de negociación cos produtores. "Ou o firmas ou deixalo", insiste. Nesta liña, alerta de que se están firmando contratos coa industria que non supoñen unha subida das tarifas. Os datos do FEGA recollen que os gandeiros galegos percibiron en marzo 31,5 céntimos por litro de leite, a cifra máis baixa de toda España e que ademais supón un descenso por terceiro mes consecutivo. Aínda así, Galicia manténse como o motor do lácteo en España ao concentrar o 40% da produción estatal. E conta con máis da metade dos productores pese aos peches anuais.

Por outra parte, a Xunta destinará este ano 42 millóns para o desenvolvemento de pequenas granxas, plans de mellora e incorporación de mozos á actividade agraria. O orzamento dividese en 14 millóns de euros para a incorporación de mozos, 25 millóns para plans de mellora e tres millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións.