Co obxectivo de impulsar o emprego local a Administración autonómica lanzou unha nova convocatoria de axudas para os obradoiros duais de emprego. Ademais dun contrato de formación e aprendizaxe de nove meses, esta modalidade inclúe a posibilidade de que os desempregados poidan optar tres meses máis a xornada completa como mínimo, un contrato laboral no ámbito territorial no que se leve a cabo o obradoiro, e na mesma especialidade na que se cualificaron. Desta forma, a Xunta incentivará aos concellos que o soliciten a contratación nas empresas. Ao igual que na edición pasada, tamén se primarán os forestais e os específicos para mellorar o Camiño de Santiago.

Obradoiros específicos

No caso dos forestais, esta modalidade dará acceso a certificados de profesionalidade nas especialidades de aproveitamento de madeira, conservación e mellora do monte, silvicultura, construción e mantemento de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e de seguridade e medio ambiente e as relacionadas coa vixilancia e extinción de incendios, para os que se reservan cinco millóns. Desa cifra, destinarase un millón aos obradoiros promovidos por entidades sen ánimo de lucro do eido forestal.

Por outra parte, e para os obradoiros do Camiño de Santiago, investiranse tres millóns en tarefas destinadas á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación. En todos os obradoiros duais terán preferencia os desempregados con dificultades de inserción no mercado laboral como emigrantes retornados, mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que xa non teñen prestacións e subsidios de desemprego, persoas con capacidade diferentes e os que carezan de títulos universitarios ou de FP de grado superior. Como novidade, este ano inclúense como colectivo preferente tamén aos beneficiarios do tramo de inserción da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga). Ademais, a Xunta invistirá 3,5 millóns para obradoiros a menores de 30 anos.