O pasado decembro inaugurose a quinta edición da iniciativa A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V, un programa de formación de nove meses impulsado por ambos concellos, que conta cun orzamento de 463.000 euros, que cofinancia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, aportando 289.000 euros. Nesta convocatoria participan unha vintena de persoas. A metade formanse nun obradoiro de pintura industrial e o resto no módulo de traballos de carpintería e moble. Neste último apuntouse María Belén Caamaño Abelenda, veciña da Laracha, cando acudiu a renovar a tarxeta do paro na oficina de emprego. Pese a que toda a súa vida profesional estivo adicada á costura traballando como modista, fíxolle especial ilusión este taller porque o seu avó era carpinteiro-ebanista. Aínda que o fixo por "probar sorte" descubriu "un talento para a carpintería que descoñecía" e un novo mercado que lle permitirá "ampliar horizontes" no ámbito laboral ademais de seguir conectada ao mundo laboral, pese a estar en situación de desemprego. Asiste ao curso de 08.00 a 15.30 horas de luns a venres e os mércores tamén pola tarde de 16.30 ás 19.00 horas para cubrir as 40 horas semanais. A finais de agosto, María Belén rematará esta formación e aspira a darlle continuidade, incorporándose a algunha das empresas que contratarán a algúns destes alumnos unha vez rematen o obradoiro e obteñan o certificado de profesionalidade. Ademais dun balance "moi positivo" dos meses que leva de curso, pola boa relación co resto de alumnos, pese a ser de perfiles moi diversos, destaca o apoio e a implicación dos profesores e síntese "ilusionada" con esta etapa, ao recibir unha nova aprendizaxe sobre un área descoñecida, que espera que lle abra "novas portas" a nivel laboral.