Hai 14 anos que Lidia González está relacionada co mar. Con varios ciclos, a carreira de náutica e os títulos de patroa de altura e segundo piloto da Mariña Mercante, González sinala que conseguir embarques non é doado. A través do proxecto Redmar, da Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar), González conseguiu un embarque en Malvinas. A profesional do mar remarca a importancia de iniciativas como esta xa que ao ser muller "non tes a oportunidade de embarcar". Agora González está a piques de converterse en capitana de pesca.

Dende cando está vinculada ao sector?

No 2006 fixen unha FP de acuicultura. Estiven traballando pero logo retomei os estudos. No 2010 fixen o ciclo superior de náutica en Vigo. Cando rematei os días de mar busquei traballo, pero como non daba atopado embarques marchei á Coruña para facer a carreira de náutica. No 2016 a acabei. Agora son patroa de altura e segundo piloto da Mariña Mercante.

Foi difícil poder embarcar?

Si. Tanto no ciclo como na carreira tes que facer prácticas. Fixen os días necesarios para cumprilas e logo tiñas que buscarte a vida, polo que estiven mirando para embarcar cando acabei o ciclo, pero foi imposible. Intenteino todo o verán, dicíante que si, que logo te chamaban, pero nunca o facían. Por iso os meus pais animáronme a ir á Coruña a probar e foi cando fixen a carreira.

Por que daban esas largas á hora de contratar? Era algo que pasaba habitualmente neses anos?

Cando fixen o ciclo éramos só dúas chicas na clase. No instituto náutico de Vigo en total había tres, unha en máquinas e nolas dous en ponte. Nese momento enfocábante para que fixeras as prácticas en buques de pasaxe, non na pesca porque sabían que sería difícil. Xa pasaron dez anos e a mentalidade de levar mulleres a bordo está un pouco máis aberta. Van biólogas nos pesqueiros, por exemplo. Pero daquela era inviable.

Cando rematou a carreira foi cando se animou a buscar embarque na pesca?

Foi casualidade. Xusto estaba rematando os días de mar e vin o proxecto Redmar da Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar). Pareceume interesante e comprobei que cumpría coa titulación que se pedía así que me apuntei. Chamáronme xusto cando estaba desembarcando e ía facer o exame de segundo piloto da Mariña Mercante. Comenteilles a situación e cando rematei o que tiña pendente púxenme en contacto con Fundamar e me dixeron que tiña moi bo currículo e era unha boa candidata. E en dez días xa estaba embarcada.

Como foi participar nesta iniciativa de Fundamar?

Coñecín este proxecto a través das redes sociais. Vin a documentación que había que mandar, a enviei e puxéronse en contacto comigo dende a fundación. Parecíame moi interesante a iniciativa. Cando estaba de camiño a Vigo para arranxar os papeis logo de facer o exame e xusto chamáronme dunha empresa para embarcar a Malvinas ese mesmo día. Díxenlle que si, que embarcaba, pero só se me podía conseguir un voo para máis tarde das 16.00 horas porque tiña que arranxar eses papeis. Conseguírono e fun para alá.

Canto tempo estivo embarcada tras esta chamada?

Embarquei en xullo do 2018 e estiven ata setembro dese ano, foi unha campaña en Malvinas. Logo ofrecéronme ir unha segunda campaña, pero como había sido todo tan precipitado dixen que non. Ao cabo de mes e medio volveron a chamar para embarcar, ofrecéndome dúas campañas, e fun. Estiven dende xaneiro de 2019 ata finais de maio, tamén en Malvinas, no mesmo barco e coa mesma xente.

Foi unha experiencia positiva?

Si. O barco no que estiven era de 74 metros, grande, no que había ao redor de 40 persoas, metade españois e metade peruanos. Todos foron moi respectuosos comigo. O pesqueiro era algo antigo, pero as instalacións eran boas. Como oficial tiñas o teu camarote propio, sexas home ou muller, e no meu caso só tiña que compartir baño cos demais oficiais, e sen ningún problema. No primeiro embarque fun como segundo oficial de ponte, pero na segunda camapaña fun como primeira, por riba só estaba o capitán.

Son necesarias iniciativas como Redmar ?

Si, porque como muller non tes a oportunidade de embarcar. Falei con armadores, fun tirar currículos a empresas e si, o collen, dinche que tes moitas cousas e que xa te chamarán, pero ao final nunca chega.

Por que os armadores non lles daban esa oportunidade?

Teñen medo a que haxa conflitos a bordo. Nun barco estás as 24 horas, non é coma outro traballo no que acabas a túa xornada e vas para casa. Na embarcación tes que convivir. Aínda que non esteas de garda no teu tempo libre andas polo buque. Podes estar no camarote, irte á sala da televisión ou ao comedor, entón búscase que non haxa mal ambiente. Os armadores pensan que unha muller pode ser máis problemática, pero para nada. Na maioría dos barcos onde estiven embarcada era eu a única muller e nunca tiven problemas con ningún compañeiro.

Cales son os seus plans futuros?

Cando desembarquei o ano pasado aproveitei para facerme capitana de pesca por libre. Presenteime e fun quitando pouco a pouco as materias e fai dous venres fixen o exame da última que me quedaba. Agora volverei embarcar, ou intentareino claro, que esa é outra. A empresa coa que estiven non me chamou, aínda que pode ser unha alternativa. Ao igual que probar sorte noutras. A miña prioridade era quitarme o título de capitán de pesca canto antes.

A idea que ten é volver a Malvinas?

Non descarto ir a outros caladoiros. Xurdiume Malvinas, entón fun alí, pero se me ofrecen embarcarme noutro caladoiro iría sen ningún problema. Se a oferta paréceme interesante non o dubidaría. Niso non teño reparos. Igual que o atún, tamén o valoro. Pero ese mundo é un pouco difícil.

Por que é complicado ir ao atún?

É como un círculo máis pechado. É moi difícil entrar nel, e máis complicado o ten unha muller. Quizais sexa o único sector no que non coñezo a ningunha muller que traballe nel.