O talento e o humor de Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco volverán deixarse ver sobre un escenario o próximo sábado ás 22.30 horas no espectáculo con maior número de entradas vendidas na historia do teatro en Galicia, Somos Criminais. E como saltarán o confinamento? A través dunha experiencia inédita e única. Trátase dunha función gravada e dirixida polo realizador Jairo Iglesias, en colaboración con Lucía C. Pan e Dani Juncal, que se poderá gozar desde a propia casa vía streaming. Cun prezo de 5 euros por entrada, o aforo está limitado a 5.000 accesos, e xa hai máis de dous millares vendidos. O humorista de Castelo relata como foi regresar a un teatro sen xente, risos e aplausos, e reivindica a importancia de "abrir novos camiños" para o sector cultural en Galicia e de "reinventarse para volver a conectar co público" durante a crise ocasionada polo Covid-19.

Que van atopar os espectadores que accedan a esta función tan especial este sábado?

Atoparán un percorrido polo xeito que temos os galegos de ser criminais, pero en ambas acepcións da palabra criminal. Non soamente no modo de cometer delitos, senón tamén na parte do enxeño, do ser artistas e ser ocorrentes. É unha obra en clave de comedia, por suposto, que amosa esa criminalidade que hai no noso país e que nos fai distintos ao resto do mundo. Será unha función gravada, que non é o mesmo ca unha obra de teatro en directo, e neste caso estamos ante un híbrido entre teatro e ficción audiovisual que, ademais de abrir novas vías, ofrece unha vida extra á obra coa que xa pechamos xira. Dalgunha maneira isto é coma unha proba, pero podemos adiantar que vai moi ben. De feito, xa temos un montón de entradas vendidas.

Como se orixinou a idea de volver con Somos Criminais a través dunha pantalla?

Como levamos dicindo dende hai moitos anos, a cabeza non para, e todo isto xurdiu do tempo que tivemos para darlle voltas ás cousas e para ver como podiamos abrir novos camiños. Carlos e máis eu falamos de probar esta forma nova de achegarnos ao público que, aínda que non poderá ir aos teatros, poderá vernos dende a súa propia casa o próximo sábado. O que fixemos foi volver a repetir a función de Somos Criminais cun enfoque máis audiovisual para que poida apreciarse mellor a través da pantalla. Gravámola entre o luns e martes no Auditorio da Illa de Arousa.

Terá novidades esta función ademais do formato?

Non podemos pasar por alto todo o que está acontecendo, así que haberá referencias claras ao que estamos a vivir. Loxicamente, os chistes e os guiños serán ata certo punto, xa que a situación é complicada. Por outra parte, o espectáculo contará con certas diferenzas con respecto á función en directo, porque estará adaptado ao formato audiovisual. Por exemplo, recurtamos algúns sketch e anacos da obra para que non se fixera demasiado longa, e tamén hai diferentes transicións.

Cre que, agora máis que nunca, hai que reinventar a forma de facer cultura?

Si, de feito somos os profesionais do sector os temos que abrir novos camiños para volver a conectar co público e para xerar contidos, de forma que o día de mañá a xente veña a vernos, compre os libros e escoite a música. Diso se trata, e diso vai esta industria. Non só é facer cousas e que por orde divina recibamos diñeiro. Hai que facer contidos que a xente desfrute, e todos temos que poñer da nosa parte. Nestas circunstancias é complicado, e ata que non esteamos adaptados á nova normalidade vai a ser moi difícil volver ao de antes. Temos que ir pouco a pouco, probando con precaucións, pero ante todo temos que volver, porque vivir sen cultura, sen teatros, sen concertos e sen festivais é ter unha vida moi triste. Non se pode, e por iso hai que pasar por isto ben e o máis pronto posible. Oxalá atopen unha vacina pronto.

Como foi volver a un escenario sen escoitar a resposta das risas do público?

É moi raro, a verdade, e sen dúbida o que máis botamos de menos son as gargalladas da xente. Facer isto en directo é outra historia completamente diferente, e aquí nos faltan moitas cousas que dá o público. Porén, esta obra de Somos Criminais ten un formato similar ao documental, no que imos presentando cousas e facendo os diferentes sketch, así que aínda que foi raro para nós, cremos que funcionará ben. Tamén foi estraño ter ao equipo técnico alí enriba con nós, cando normalmente está no posto de control. Foi algo moi similar a estar nun plató de televisión.

E que hai do de regresar ao traballo coa nova normalidade ?

Son momentos complicados, así que tivemos que tomar moitas medidas de hixiene e seguridade entre nós e o equipo. É certo que no traballo en escena isto é moi complicado, e por exemplo Carlos e máis eu estivemos un tempo coa historia de ir ampliando o núcleo familiar, xa que os dous tiñamos que traballar sen mascarilla sobre o escenario. Pero en fin, é cuestión de adaptarse á nova normalidade e de cumprir coas medidas que marca a lei. Pese a todo, o máis bonito foi a alegría de volver a estar sobre o escenario e de volver a funcionar.

Como foron para vostede estes dous meses de confinamento?

Isto quizás non o debería de dicir, pero para min foron xeniais. Eu son un tipo que nunca para, e tivo que acontecer isto para obrigarme a quedarme na casa durante estes meses, nos que tiven tempo para gozar da miña casa, no rural, e da miña familia. Vivín todo con outro ritmo, e veume moi ben para pensar. Tamén destaco que a ninguén próximo a min ou á miña familia lle sucedeu nada, así que nese sentido tivemos sorte. Iso si, oxalá non volva a suceder e non teñamos que volver a encerrarnos nin lle pase nada malo a ninguén máis.

Que opina do futuro do sector cultural en Galicia tras esta fonda crise?

O noso é un ámbito que leva sendo precario e atravesando dificultades dende hai moito tempo. Carlos e máis eu somos casos excepcionais, porque ambos levamos anos enchendo teatros e podemos vivir da cultura, que non é o mesmo que sobrevivir. Eu teño moitos compañeiros que andan sempre ao xusto para poder ir tirando porque, pese a que é unha profesión moi bonita que precisa paixón, é moi dura. En momentos coma este é cando máis se nota, porque non podemos facer nada. A xente que traballamos nos teatros seremos os últimos en volver empezar, porque ata que se perda o medo e sexa seguro vir a desfrutar do espectáculo vai a pasar moito tempo. Din que vivimos nunha crise continua na cultura, pero é agora cando realmente vai custar levantar a cabeza.