Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980) afronta as eleccións galegas como candidato da coalición Galicia en Común (Podemos, Anova e mareas) e co obxectivo de formar parte dunha Xunta progresista, aínda que as enquisas vaticinan un afundimento respecto aos 14 escanos que logrou En Marea hai catro anos, proxecto de unidade popular que estourou. Aínda deputado no Congreso, asegura que o seu futuro está en Galicia: "O meu tempo político en Madrid rematou".

Como afronta a recta final da campaña?

As campañas dánsenos ben e nótase en que Galicia en Común está sendo clave para levantar a alternativa a Feijóo. Os nosos datos din que imos disputar co PP deputados clave nas provincias da Coruña e Pontevedra e, polo tanto, temos a necesidade de mobilizar a ese votante progresista, de esquerda e novo. E que eses 10.000 ou 15.000 votos que separan o bloque da esquerda da dereita se poidan acabar. Nos últimos procesos electorais houbo en Galicia máis votos de esquerda que de dereita. Se temos os dous deputados que desputamos co PP na Coruña e Pontevedra, haberá cambio seguro.

Como pretenden mobilizar o seu electorado tras catro anos de crises no seu espazo político?

Agora mesmo somos unha forza de goberno, a única forza galega desde 1936 que está sentada no Consello de Ministros cunha ministra, Yolanda Díaz.

De que xeito resumiría estes once anos de Feijóo na Xunta?

Pasado. Frente a ese Galicia, Galicia, Galicia, houbo corrupción, austeridade e recortes. Estes 11 anos lastraron moito este país. Tivemos un goberno ausente de exercer as súas competencias e que gobernou para unha minoría. Hai sensación de proxecto esgotado.

E como explica as maiorías absolutas de Feijóo en 2012 e 2016?

Hai un elemento clave que esperamos esta vez non aconteza: unha participación menor que noutros procesos electorais. Neste país nos últimos dez anos sempre que a xente foi votar masivamente houbo gobernos progresistas.

O récord de participación nunhas autonómicas é do 2009 e gañou Feijóo contra o bipartito.

Dixen nos últimos 10 anos. En 2012 e 2016 hai unha diferenza de 16.000 e 30.000 votos entre o bloque da esquerda e o da dereita. A esquerda neste país ten unha enorme responsabilidade. Estas eleccións son decisivas. Precisamos un goberno que leve a Galicia ao século XXI, que non sexa sectario e faga políticas públicas para reactivar a economía. Ademais, esa responsabilidade histórica ten que ver con ser quen de debuxarlle á esquerda que temos claro con PSdeG e BNG unha alternativa.

Foi o único candidato que pasou a Covid-19. Que experiencia sacou e que opina da xestión da Xunta?

Como sociedade toca reflexionar e estar comprometidos coa garantía da sanidade pública. Se lle tivese que dar unha nota á Xunta sería non comparecida. Desgraciadamente, o goberno galego dedicouse 80 días á propaganda electoral, non empregou as súas competencias para apoiar a familias e empresas. Para o único que usou Feijóo a Xunta foi para golpear as outras administracións e non para defender os galegos.

O Goberno central tiña que ter actuado antes contra o virus?

Hai que estar aliviados de ter un Goberno no Estado que no relativo ás cuestións sanitaria e epidemiolóxica tomase as decisións de forma precavida e seguindo os pasos marcados polas autoridades sanitarias e non con criterios partidistas. A nivel económico é incontestable que a mobilización de recursos públicos foi inédita para salvar a todos, xente sen emprego e empresas.

Desde o punto de vista sanitario, as eleccións están mediatizadas polo que sucede na Mariña?

Feijóo convocou unilateralmente este proceso electoral, polo que é o máximo responsable de solucionar o que sucede na Mariña. O fundamental é garantir que se controle a situación sanitaria e que a Xunta garanta que a xente poida votar con normalidade. Confinar durante cinco días á poboación non responde a ningún criterio técnico sanitario, tendo en conta que a OMS di que se poden mostrar síntomas 13 días despois dos contaxios, ese prazo non ten sentido.

Que lle di Pablo Iglesias sobre o 12-X?

Pablo ten unha relación singular con Galicia e é dos poucos dirixentes do Estado que coñece a política galega. E entende que Galicia foi clave para os cambios políticos no Estado e que na batalla de Galicia está en xogo asentar o ciclo de gobernos progresistas e de esquerdas no Estado. Sabe que en Galicia hai unha maioría social que pide cambio, pero que precisamos acabar de activar para deixar no pasado os gobernos da austeridade e os recortes do PP.