Pancho Casal é a única persoa con experiencia na política profesional de Marea Galeguista. O candidato á Xunta da coalición de partidos de En Marea, Partido Galeguista e Compromiso por Galicia e o produtor do filme Los lunes al sol agarda que o próximo luns 13 de xullo sexa igual de radiante para a súa formación.

En marzo consideraron non presentarse ás eleccións do 5 de abril. Tras a pandemia, por que cambiaron de idea?

Foi decidido polas bases de En Marea, Partido Galeguista e Compromiso por Galicia. Porque cambiou o mundo. Cambiamos de época. Daquela eran unhas eleccións máis, pero nunha situación deste tipo un quere afrontar a reconstrución de Galicia. O cambio a esa nova normalidade ten que ser de todo menos normal. Se un partido non está presente nunha situación así, pois non ten sentido que siga actuando en política.

Se o domingo Marea Galeguista non logra representación, arrepentiranse de roubarlle

Nós non vimos a roubarlle votos a ninguén. A única preocupación entre o PSdeG e o BNG é ver quen vai estar primeiro na oposición. Ese asunto non nos interesa. Ademais, en 40 anos demostrouse que a esquerda estatal e o nacionalismo entendido como o entende o BNG non conseguen derrotar á dereita. A culpa non pode ser de Marea Galeguista. Penso que moita xente está na abstención porque dubida que os partidos estatais vaian mirar para Galicia. E o BNG ten dificultade para dialogar con parte da sociedade. Nós falamos cos autónomos, empresarios, traballadores, xente da saúde, da ensinanza? O principal é que a xente se dea conta de que nos países onde non hai maiorías absolutas é onde máis desenvoltos están. Como o País Vasco ou os países nórdicos. Iso é o que queremos trasladar: as maiorías absolutas son o contrario ás certezas, como di Feijóo.

A esquerda en Galicia parece un sudoku. Mesmo o electorado pode confundir propostas duns con outros.

Nós pensamos que hai tres alternativas de voto. Un que afiance a maioría absoluta e amordace o Parlamento. Despois está o tripartito, que está máis pendente de Pedro Sánchez, Yolanda Díaz e Pablo Iglesias que das súas propostas. E despois está a nosa proposta, que quere chegar á xente dende o centro ata a esquerda galeguista. A realidade é que na parte social temos moitas coincidencias co tripartito, pero temos unha diferenza fundamental: non imos esquecer os problemas de Galicia. O BNG, durante tres anos, estivo todos os plenos falando da transferencia da AP-9. Dende que firmaron o pacto con Pedro Sánchez en Madrid, esquecéronse? A maiores, temos unha aposta decidida pola sustentabilidade: calquera actividade económica que non sexa sostible non vai ter futuro, seguro. E baseámonos nas potencialidades de Galicia: na terra, na gandeiría ecolóxica de calidade, no mar, no vento...

Cre que hai pesimismo no electorado de esquerdas polas enquisas que están a saír?

Si, totalmente. Por iso hai que instar á xente de que é posible. O tripartito, que xa se plantexa como oferta única, o único que lle importa é pisarse entre eles. Para Caballero é máis importante gañarlle a Pontón que a Feijóo. E iso preocúpanos moito. Hai que dirixirse ao 40% que se fala de abstención e dicirlles que Galicia é un país rico e non podemos deixar que o xestionen burócratas que non confían nel. Eu estaba totalmente en contra, pero Fraga tiña un proxento de país; Feijóo, non. Fálase de que é un gran xestor, pero que fixo en 11 anos? Feijóo é un gran xestor da súa propia imaxe. O PP di que Galicia é moito, pero eu digo que Galicia podería ser moito.

Vostede, que pertence ao mundo do cinema, como titularía a película na que Feijóo volve gobernar outros catro anos?

Un desastre anunciado. Estes catro anos son decisivos; vanse decidir os próximos 30 do noso país.

Como explica a súa hexemonía?

Na súa habilidade para desenvolver a súa propia imaxe. Feijóo non é como Cayetana, Casado ou outros que meten a pata. Non se mete nos charcos, e nos charcos ponse de perfil sempre. Cando pasa algo é culpa de alguén; é especialista en buscar culpables.

Sobre o rebrote na Mariña a unha semana das eleccións. Que se debe facer?

Xa se contemplaba que podería haber rebrotes. O preocupante é que a Xunta, despois de catro meses, non tivera ningún protocolo establecido. Onte (polo domingo), falando co presidente do Sergas, deime conta de que estaban improvisando. Tardaron dez días en reaccionar? O que non pode dicir o señor Almuíña é que os contaxiados non poden votar. Con tantas persoas confinadas, hai que exporse a un aprazamento das eleccións nesas zonas. Non se pode deixar as persoas sen votar.

Que debe cambiar a pandemia?

Primeiro: ter claro que os coidados teñen que ser públicos. Ninguén, nin o máis neoliberal, pode apostar por que as residencias sigan nesa situación, infradotadas de persoal, nunhas condicións laborais moi precarias. Despois, crear un proxecto de país baseado nas potencialidades de Galicia, non en inventos. Tivemos a pandemia, despois virá unha crise económica, pero detrás virá unha crise todavía máis forte, a crise climática. Hai que posicionarse.