A publicación do traballo Del 15-M a Podemos. Rupturas y continuidades en un proceso de incipiente cartelización coincide co fracaso electoral do partido en Galicia e País Vasco. O profesor da área de Ciencias Políticas da Universidade de Vigo, Bruno González, e Javier Vázquez, docente na Universidade de Santiago, son os coautores desta análise na que conclúen que a formación de Pablo Iglesias cada vez parécese menos á que naceu do movemento revolucionario de 2011.

Sorprendéronlle os resultados de Podemos nas autonómicas?

Efectivamente. Os resultados non foron os agardados.As enquisas recollían unha importante caída, pero en calquera caso parecía garantida a representación nas dúas provincias atlánticas onde tiña o seu caladoiro máis importante de votantes.

Pode dicirse que Galicia acabou coa "nova política". Podemos, as mareas? Son un experimento fracasado?

Todo parece indicar que o ciclo político que se inicia coa aparición de Alternativa Galega de Esquerda no ano 2012 chega ao seu ocaso co resultado do 12 de xulio.

Cales foron os seus erros?

Observando os resultados electorais poderiamos inferir que o electorado premiou a aquelas candidaturas que centraron as súas propostas e o seu discurso en cuestións relacionadas coa axenda galega, e castigou aquelas outras que enfocaron a campaña a vender a súa xestión no Goberno central. Por outro lado, o perfil baixo do cabeza de cartel non axudou a mellorar a mala posición da que partía a candidatura de En Común debido ás loitas internas.

O trompazo nas eleccións galegas e vascas manda un sinal en clave nacional?

En clave estatal os resultados poden indicar unha crecente dificultade para competir nas comunidades con identidades complexas. En todo caso, os resultados das autonómicas non serían extrapolables ao nivel estatal. Se observamos os resultados dos diferentes comicios en Galicia, podemos ver unha importante transferencia de voto entre distintas forzas políticas en función do ámbito electoral en cuestión.

Acabará desaparecendo? E en Galicia?

A tendencia dos últimos procesos electorais sitúa o escenario máis plausible nun achegamento progresivo ao que representou Esquerda Unida, a nivel electoral, no momento pre 15-M. O problema de Podemos en Galicia é a súa debilidade orgánica. A barreira do 5%pode dificultar o seu regreso ao Parlamento facilitando ao mesmo tempo a consolidación dun sistema de partidos a tres.

Foi un erro a entrada de Podemos no Goberno, como dixeron os críticos?

A entrada no Goberno é un arma de dobre fío. Por un lado, permite gañar visibilidade, influencia e recursos. Por outro, e nun contexto de crise económica, o desgaste derivado da acción de Goberno é un serio risco. Os recursos dispoñibles marcarán o camiño. En todo caso, parece probable que a medio prazo se impoñan as políticas de axuste. Ese é o maior risco ao que se expón Podemos na medida en que pode provocar unha crecente frustación entre as súas bases e o seu electorado.

No estudo chegan á conclusión de que Podemos é un partido "cartelizado".

Na nosa investigación, por unha cuestión de espazo, utilizamos un número limitado de variables que se derivan da teoría do partido cartel de Richard Katz e Peter Mair. A información recollida situa a Podemos como un partido fortemente centralizado, altamente profesionalizado e fortemente dependente dos mecanismos de financiación pública. Estos elementos, unidos a adopción de posicións máis centradas a nivel de programático, permítennos situar a Podemos como un partido en proceso de cartelización.

Que queda do movemento 15-M en Podemos?

Os principios e demandas fundamentais do 15-M situaron á participación, a autonomía, a descentralización e a transparencia como eixos fundamentais da súa acción colectiva. En todo caso, a institucionalización do movemento en forma de partido trae consigo unha serie de contradicións que teñen que ver coa operatividade e a eficiencia no xogo político a nivel institucional e electoral. En base aos resultados da nosa investigación, podemos concluir que queda moi pouco do que foi o 15-M. Ainda así, a introdución de mecanismos de transparencia a través da páxina web ou a renuncia ao financiamento a través de créditos bancarios serían os elementos que conectan de xeito máis claro a Podemos co 15-M.