A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu "altura de miras" ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e que neste o seu cuarto mandato, os 42 deputados dos que dispón o PP na Cámara galega "non lle impidan ver os problemas dos galegos" de cara a alcanzar "grandes acordos de país".

Así se pronunciou Pontón após asistir no Parlamento de Galicia, situado en Santiago, á toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta por cuarta vez consecutiva. Para a lider, esta será unha lexislatura "moi difícil e moi dura" que obriga a chegar "a acordos de país" ante a situación "crítica" que marca a pandemia.

"A pandemia segue entre nós e atácanos no ámbito sanitario e económico", sinalou Pontón, que considera que Galicia "non sairá adiante con rutina", senón que é preciso pór en marcha "cambios estruturais" e "aprender das leccións" que deixou a crise da covid-19.

"Pedímoslle ao presidente da Xunta que os 42 deputados que ten non lle impidan ver Galicia, non lle impidan ver os problemas dos galegos e que temos unha situación crítica", abundou, antes de prometer que liderará a oposición na Cámara galega "de forma construtiva e pondo por diante os problemas" da cidadanía de Galicia.