Ourense, ano 2009. Faltan poucos días para as eleccións autonómicas, o PP reparte un pasquín que di: “¿Queres quedar sen as túas fincas? Se gobernan o PSOE e o BNG pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas”. Os populares utilizaban a política do medo para dicir que o banco de terras do bipartito viña a roubarlles as propiedades. As eleccións deron unha victoria ao PP de Feijóo e todos sabemos o que supuxeron os 12 anos do seu goberno na perda de actividade e base territorial das nosas explotacións nunha Galicia que ten de superficie agraria útil pouco máis do 20%, a metade que no resto do estado, e na que temos que importar cereais dende o outro lado do atlántico para alimentar ao noso gando mentres temos hectáreas de terra sen explotar, o que lastra a competitividade das nosas explotacións.

Recentemente, un estudo do Joint Research Centre da Comisión Europea sobre a evolución prevista do abandono das terras agrarias en Galicia para o período 2015-2030 puxo de manifesto que a situación de Galicia é dramática, especialmente nas provincias de Lugo, A Coruña e Ourense, xa que prevé unha media de abandono do 3% na UE que en Galicia se multiplica por dez superando o 30%.

Os e as socialistas sempre apostamos pola posta en funcionamento de instrumentos que mobilicen terra para potenciar a actividade do noso rural. Figuras como os polígonos agroforestais, o banco de terras, o banco de explotacións ou a aposta decidida polas concentracións parcelarias están no ADN socialista, por iso é tan importante dispoñer de bos instrumentos para mobilizar terra pero moito máis importante é ter os recursos materiais e humanos para poñelos en funcionamento.

A fórmula plantexada polo PP para tramitar a lei de recuperación de terra agraria como un documento dos conservadores e non como un proxecto de lei do goberno galego supón unha merma das garantías democráticas do proceso lexislativo, pero, fundamentalmente, das posibilidades de participación social e do rigor técnico e científico dos procesos de intervención pública, xa que non só se obvian os informes xurídicos e dos órganos de participación social, senón que tamén se restrinxen as posibilidades de debate sectorial e cidadá sobre un tema esencial para Galicia.

Preséntase unha proposición de lei sen acompañar dun mínimo estudo de impacto, sen unha avaliación previa da situación da estrutura territorial en Galicia e sen unha análise coste-eficiencia das solucións propostas, todo se confía a uns supostos efectos cuasi-máxicos do marco lexislativo, que tememos que como no exercicio de 2015 coa METAGA, poden quedar en nada, e serán sucedidos por outros ante a evidente falta de vontade política e orzamentaria para solventar os problemas do rural galego.

Na proposición de lei presentada polo PP figura que os inmobles en solo rústico ou en solo de núcleo rural dos que non haxa certeza sobre a súa titularidade pasarán a ser titularidade do Agader no prazo dun mes desde a publicación dun anuncio no DOG. E non só o uso e o disfrute, como por exemplo se fai en Valencia nos supostos de incumprimento da función social da propiedade, senón o dominio e titularidade do ben, ata o punto de que poden incluso subastarse, permutarse ou constituírse dereitos reais sobre eles aos cinco anos da atribución da titularidade.

Isto pretende lexislar o PP en Galicia, sen informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e sen o ditame do Consello Consultivo de Galicia, tan activo ultimamente informando sobre normas da administración central. En Baleares a expropiación temporal do uso de 56 vivendas de grandes propietarios para dedicalas a alquiler social foi calificado polo PP de Casado como “expropiación chavista”. En Valencia, a Lei 5/2018, de 6 de marzo, sobre a horta foi recorrida polo PP ante o Tribunal Constitucional por “confiscatoria e inconstitucional” por prever cesións temporais do uso sen afectar á propiedade dos bens, con xustiprezo e todas as garantías xurídicas e arrendamentos forzosos nos supostos de incumprimento da función social da propiedade. En Galicia, no 2021, o goberno da Xunta lexisla a través dun grupo parlamentario, sen avais xurídicos, sen participación pública e debate social, para poder expropiar terreos sen tramitar procedementos expropiatorios, sen xustiprezos, e sen ningún aval dos órganos consultivos xurídicos dos que dispón a Xunta, xerando unha inseguridade xurídica máis que evidente.

No PSdeG-PSOE desexamos ter unha boa lei, para o cal presentamos máis de 220 enmendas que estamos a debater en ponencia, entre elas que se recolla a investigación da propiedade para o uso social das terras agrarias abandoadas, pero que en ningún caso poida ser utilizada como vía expropiatoria da terra de propietario descoñecido para que algúns poidan facer negocio con estas propiedades. Ese non pode ser o obxectivo dunha lei que, baixo o mandato do PP de Feijóo, pretende facer real as acusacións falsas do pasquín que eles mesmos repartían no ano 2009.