O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, que liderou AGE en 2012 cunha fulgurante entrada en Parlamento galego e posteriormente estivo á fronte dun proceso que desembocou en mareas municipalistas e En Marea, recoñece a "frustración" de que nas alianzas con Unidas Podemos non se "respondía con reciprocidade" a Galicia.

Así o expuxo este sábado en Santiago, nun acto de presentación do libro Dejar de ser súbditos. El fin de la restauración Borbónica, de Gerardo Pisarello, que Beiras considera unha obra "fundamental para comprender moitas cousas" como as "sucesivas frustracións de procesos de emerxencia da cultura revolucionaria republicana".

De tal forma, explicou que durante a lectura deste libro observaba como "Galicia non conta" para España, "non existe", "non está na historia do Estado español desde o século XVIII". Unha cuestión que achaca a que Galicia "era unha colonia interna do Estado español", de forma que "non ten historia" e "se a ten, hai que negala", "hai que silenciala".

Esta reflexión serviulle para entroncar co último período da súa etapa política, como referente de Anova nun contexto de alianzas con formacións como Unidas Podemos. E é que sinala que é alguén que: "Sempre tivo que superar a frustración de darse conta de que, ao final, non se nos respondía con reciprocidade".

Unha problemática que atribúe a que: "Non eramos iguais, non estamos no mesmo status". Beiras opina que, "subsconcientemente", ocorre "no corpo da maior parte de organizacións", aínda que aprecia que Gerardo Pisarello foi unha das excepcións nese tipo de relacións.

Durante a súa intervención, Xosé Manuel Beiras dixo que é "independentista desde que con 13 anos chegou a casa a noticia da morte de Castelao", pero "nunca" practicou o independentismo na politica debido a que avogou "por tender pontes" a través de alianzas, desde os anos 60 até a última etapa de mareas municipialistas e En Marea.

Asegura que segue falando con Pisarello de como conseguir "unha grande alianza", pero que saia da sociedade civil, pois "por arriba non funciona". "Aos meus 85 anos resúltame moi difícil crer", sentenciou.

A "PESTE BUBÓNICA" DOS BORBÓNS

Paralelamente, Beiras cargou contra o "horror" da dinastía borbónica, á que tachou de "peste bubónica". Lamenta que non se fixese "tábula rasa" coas institucións franquistas na Transición, dado que "40 e tantos anos despois" vese que as "consecuencias foron letais".

Respecto diso, definiu ao rei emérito Juan Carlos I como un "grandísimo delincuente fiscal" que se marchou a un país "no que non existen os dereitos humanos".

Por todo iso, puxo en valor que o libro de Gerardo Pisarello é "un relato moi rigoroso" sobre o republicanismo e de "gran calidade literaria".

"NIN FELIPE VI PODERÁ MANTERSE NIN LEONOR PODERÁ REINAR"

Este acto contou coa presenza do exalcalde de Santiago Martiño Noriega, así como diferentes membros de Compostela Aberta, incluída a súa actual portavoz, Marta Lois. Precisamente, Gerardo Pisarello quixo agradecer tanto a Beiras como a Noriega a súa influencia.

Pisarello valorou a Beiras como "un mestre" e como "unha das figuras máis prominentes do republicanismo democrático iberoceltamericano". Tamén dixo que compartiu catro anos duros co seu "irmán" Martiño Noriega, cando este era alcalde de Santiago e Pisarello era primeiro tenente de alcalde en Barcelona --entre 2015 e 2019--.

O autor relatou que o libro "é unha pequena vinganza" contra a "última xogada dos borbóns" ao elixir o 15 de marzo de 2020, o día antes da declaración do estado de alarma pola pandemia, como o día no que revelaron que Juan Carlos I "podería incorrer en gravísimos delitos de evasión fiscal e branqueo de capitais".

Por iso, necesitaba este libro como "terapia" para "dicir que o truco non coa". Aquí, citou a Charles Maurice de Talleyrand para afirmar: "É costume real o roubar, pero os Borbóns esaxeran".

Tamén dixo que esta obra serve como "escusa" para "celebrar a amizade republicana" e de compartir a idea de "batallar pola sociedade alternativa".

Cre necesario falar dos Borbóns en plena pandemia porque foron ao longo da historia "un freo enorme para a democratización política e económica", algo que vai seguir pasando "mentres non se quite de encima ese tapón".

Con todo, augura que "nin Felipe VI poderá manterse nin Leonor poderá reinar". Pisarello sostén que "o feminismo non llo vai a permitir" a Leonor, dado que "non van tolerar que reine porque a monarquía é intrinsecamente patriarcal".

AFRONTAR A "FRUSTRACIÓN"

Xunto a isto, o tamén autor de 'Un longo Termidor' quixo "evocar" no seu novo libro as "diferentes tradicións republicanas que houbo na Península", desde a galega á andaluza ou vasca.

Sobre a "frustración" da que falou Beiras, Pisarello lamentou que se os Borbóns "seguen roubando carteiras" é porque "esas tradicións republicanas nunca chegaron suficientemente a estar en contacto entre si".

Á pregunta de "por que loitar", Pisarello lembra que Beiras lle dixo no seu día que para loitar "non fai falta ter esperanza", senón que hai que facelo "por simple dignidade". "Lóitase porque non se pode vivir doutra maneira", agrega.

"PERSPECTIVA FEMINISTA" DO LIBRO

Pola súa banda, Marta Lois definiu este libro como "un agasallo" pola "forma, contido e momento" dun "artesán de narrar e contar", nunha obra que "ilumina un futuro para pensar".

Igulamente, remarca a "perspectiva feminista" e "anticolonial" deste texto para un "futuro republicano" co que "deixar de ser súbditas".