Estes días asistimos a un conflito xerado pola falla de información e o posterior comportamento desleal da Xunta de Galicia ante a chegada das cartas de regularización catastral ás comunidades de montes veciñais dos terreos que se sitúan dentro do dominio público marítimo terrestre. Un proceso que debera terse realizado hai moitos anos, xa que o deslinde destes terreos tivo lugar no ano 1997, cando gobernaba o PP en España.

Por iso digo deslealdade. Porque a Xunta de Galicia dedícase a botar gasolina sobre unha polémica na que teñen bastante que ver os dirixentes populares, que foron os que cambiaron a titularidade destes terreos.

O Goberno de España tócalle informar ás comunidades de montes veciñais, e dialogar con elas para explicarlles que esta regularización non cambia nada. Para darlles certezas de que poden seguir desenvolvendo as actividades habituais nestes terreos independentemente de que pertenzan ao estado, algo que emana da propia Constitución e da Lei de Costas do ano 1988, e que é efectivo dende o deslinde do ano 1997 que levou a cabo o goberno de Aznar sen alegacións en contra das comunidades de montes afectadas.

Agora, vinte e cinco anos despois deste deslinde, o Catastro regulariza a cartografía e informa aos comuneiros, pero cómpre deixar claro que o Catastro non dá nin quita a propiedade, senón que estes terreos xa eran públicos dende o deslinde do 97.

O que nos preguntamos os e as socialistas de Galicia é por que o PP alimenta esta polémica cando foron os seus dirixentes os que fixeron o deslinde que deu a propiedade ao estado do dominio público marítimo terrestre. Por que tenta confundir, se a demarcación de Costas non puxo problemas en vinte e cinco anos ás comunidades de montes para desenvolver as súas actividades habituais, sobre que vaia poñelas agora.

Espero que máis cedo que tarde entidades tan importantes como as nosas comunidades de montes galegas, representadas pola súa asociación e o seu presidente, Alfredo Pereira, teñan as certezas necesarias ante aqueles que desexan xerar unha polémica inexistente. Agardo que entendan que calquera proxecto de eólica mariña que puidera chegar a executarse non será nestes terreos, xa que ditas infraestruturas se ubican no medio do mar e non no dominio marítimo terrestre.

Fan falla, por tanto, información e transparencia que aclaren as dúbidas das comunidades de montes e que poñan negro sobre branco a deslealdade institucional coa que actúa Xunta… buscando un puñado de votos?