Galicia é unha eucaliptocracia. Ou, polo menos, a Galicia atlántica e cantábrica o é. Manda o eucalipto na paisaxe da Mariña e de Ortegal. Arrasa no Morrazo e no val do Oitavén. Hai novas plantacións de eucalipto (apurando ata o dous de xullo, comezo da moratoria de cinco anos) no que antes eran matogueiras vizosas e antigos pasteiros en Bergantiños, As Pontes de García Rodríguez e no val do Mandeo. A Terra Chá, antes paisaxe rural de carballos e brañas, agora está sarapintada de parcelas de eucalyptus nitens, tan resistente ás xiadas como “invasora” do medio (dito pola alta instancia xudicial española, a Audiencia Nacional).

En definitiva, mandan os eucaliptos na quinta parte de Galicia, cando estaba previsto nas postrimerías do cambios de século que ocupara unha superficie moito menor. Porque aos que mandan interésalles que se eucaliptice, porque así dan de comer a todo o xigante eucalipteiro, cuxo estómago é esa “biofábrica” á que a Audiencia Nacional dixo que de permanencia no fondo da ría de Pontevedra, nada. Quedan meses por diante de recursos, manifestacións e declaracións da parte afectada e dos outros, uns coa esperanza de que a prórroga de 60 anos concedida á pasteira polo goberno en funcións presidido por Mariano Rajoy en 2016 siga vixente, e outros desexando verse libres de “esa porcallada invasora, arrogante, maloliente, contaminante y antiestética”, como dixo Rodrigo Cota.

Mentras tanto, a eucaliptocracia segue a funcionar. Tráilers cargados de madeiros de eucalipto por canta estrada hai na Galicia atlántica e cantábrica. Serras mecánicas e rozadoras de cadeas traballando arreo no monte, incluso de noite, nas semanas antes da moratoria. Centos, ou millares de animais aniquilados polas urxentísimas labores forestais. Eucaliptos noviños, recén plantados nuns sucos rabuñados xeometricamente en terra rozada. Páramo cincento que dará paso a un deserto verde. Permisos e, quizais, non-permisos. Lei de Montes ou vista gorda. Caixeiros con ringleiras de propietarios a recoller o froito desa bicoca verde.

Din que a democracia é un sistema imperfecto. A eucaliptocracia tamén o é: de cando en vez, o prácido sono deste xigante en plena forma vese interrompido polo zunido de seres máis pequenos, pero teimudos. A Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra, con Antón Masa á frente, ven traballando desde hai décadas contra aquela “porcallada invasora”. Greenpeace e o seu eficaz brazo xurídico. ADEGA, como o mazo do batán nas redes sociais e facilitando as denuncias de plantacións ilegais. Ducias de investigadoras e investigadores, que levan producido centos de artigos que dan a ver o nocivo impacto dos eucaliptos sobre os solos, a auga e a biodiversidade fóra da súa área nativa de Australia e Nova Guinea. A administración local, e non só o concello de Pontevedra, alén de boa parte da cidadanía. Co zunido, a mole eucalipteira rosma. Xa non concilia o sono. Así e todo, cando esperta e abre os ollos, este xigante segue a divisar unha paisaxe favorable, inzada de eucaliptos, e moitos propietarios prestos a plantar. “O eucalipto desnaturalizou a paisaxe galega”, dicía Castelao xa a comezos do século XX. A día de hoxe, custa concibir os montes da Galicia máis húmida sen ese manto uniforme, dese verde estraño, da árbore australiana. As leis de Montes e da Paisaxe da eucaliptocracia asumen como natural o que está desnaturalizado.

Falan así e todo de reducir un 5% o eucalipto. Láianse dos prezos decrecentes da madeira e dos custos millonarios do traslado da “biofábrica”. Non hai ubicacións alternativas fóra daquela antiga marisma en Lourizán, din. Os que mandan negan, nervosos, a contaminación desta. Problemas. A eucaliptocracia parece que se resinte. Os conservacionistas ilusiónanse e vislumbran un futuro libre de eucalipto, deseucaliptizado…

Con todo, e a pesar dos teimudos zunidos, os eucaliptos seguen aínda a medrar na quinta parte do territorio galego.