O abrazo que se deron hai unha semana Bernardo Fernández e Noa Díaz parece finiquitar coas augas turbulentas no PSdeG, polo menos na provincia de A Coruña. O tempo dirá si continúa a concordia. De momento, o novo secretario provincial, Bernardo Fernández, escapa da polémica e aposta no seu discurso pola integración. A melodía deste músico profesional, alcalde de Pontedeume, é máis festiva que bélica.

O abrazo coa súa rival nas primarias, Noa Díaz, parecía sentido. Amosa que volve a unidade?

Amosa que somos capaces de xestionar con madurez un proceso democrático, que enriquece á organización. Somos compañeiros que contrapoñen modelos de partido, non adversarios nin inimigos.

Integrará a Noa Díaz na executiva provincial do PSdeG?

Calquera persoa que aporte ten as portas abertas, segundo os seus coñecementos e dispoñibilidade, tanto na executiva como para traballar. Na executiva tamén haberá xente que apoiou a Noa Díaz. Non falamos de pactos numéricos pero si de compromisos para reforzar a organización. O venres xa iniciamos as conversas para formar a executiva pero con todos os compañeiros, non só co equipo de Noa Díaz.

De que falaron na primeira conversa tras gañar as primarias?

Noa Díaz deume ánimo e estivemos dacordo en poñernos a traballar, co obxectivo das eleccións municipais. Ela animoume a colocar ao PSOE ao fronte das institucións para mellorar a vida das persoas, e eu a que faga o mesmo no Parlamento.

Traballan para que se deixe de falar de valentinistas e gonzalistas polo menos a nivel provincial?

Son dúas correntes nun proceso de democracia interna, propias da confección da organización, son alcumes. Pero o proceso das primarias rematou e imos todos a unha, porque este partido é de militantes e non de socios.

Pero en que distan os valentinistas dos gonzalistas?

Eu coincido cunha versión de Formoso volcada co municipalista, os así chamados valentinistas somos máis municipalistas e os outros —os gonzalistas— teñen unha visión máis orgánica. Para os municipalistas, a mellor opción é poñer nomes e apelidos aos problemas.

Vostede é trompetista de profesión, que música quere aportar ao PSdeG da provincia da Coruña?

Aposto por unha música de conciliación, unha marcha triunfal. Non desde o punto de vista do triunfalismo persoal, senón co socialismo como o mellor para a sociedade.

En que se diferencia un concello gobernado polo PSOE dun do PP?

Hai un poso ideolóxico nos servizos sociais, a Xunta actúa con visión partidista. Na oposición aprendín a ter a visión aperturista do PSOE.

E dun do BNG?

O BNG é máis errático que nós, un día é independentista, outro non. Nós somos os de sempre, o partido que transformou o país.

As principais carencias da provincia son industriais. Que papel xogan Goberno central e Xunta?

A Xunta ten que facer algo máis que regalarlle unha maleta ao universitario que emigra. En Ferrolterra nos acostumamos a que as empresas pechen, e a Xunta ten as competencias en política industrial.

E o Goberno non ten responsabilidade no desmantelamento?

Si, nas electrointensivas como Alcoa. Pero si pecha Endesa é responsabilidade da empresa, no contexto enerxético mundial. No naval hai un contrato multimillonario grazas ao Goberno. Pero é certo que todos os partidos somos responsables.

“Non me canso de que me asocien con Formoso, pero tamén teño como referentes a González e Zapatero”

Non está canso de que se refiran a vostede como ‘valentinista’? É González Formoso o seu principal referente político?

Non me canso de que me digan que son valentinista, porque somos compañeiros e é o meu amigo persoal. Comparto a súa visión política tanto do PSdeG como das institucións. Eu vin do que foi capaz no seu concello, non me doen prendas en dicir que é un referente no socialismo e tamén a nivel social: polo que conseguiu como alcalde de As Pontes, apoiado por xente doutras ideoloxías. E el sería a mellor alternativa para gobernar Galicia.

Pero ten outros referentes políticos ademáis de Formoso?

Teño moitos referentes a nivel internacional e nacional. Pero si nos referimos a políticos que xa non están en activo, decataríame por Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero. Encabezaron gobernos socialistas que foron capaces de facer avanzar a este país. Asumo que tamén cometeron erros, pero parece que sempre lle corresponde gobernar ao PSOE cando hai unha crise. Nese sentido, considero que para a sociedade é unha sorte que nesas crises o PSOE teña o poder e non o PP: estamos para as boas e para as malas, tamén para xestionar a crise desde a socialdemocracia.

De cara ás vindeiras eleccións municipais, considera que os votantes optarán pola estabilidade ou polo cambio? Porque co contexto da pandemia polo coronavirus, parece que moitos concellos se volcaron co trámite diario e se esqueceron dos grandes proxectos.

A xente é máis intelixente do que se cre, onde se fixo un bo traballo os votantes responderán a favor e con claridade. Os concellos abordamos a pandemia con moitas dificultades e soidade, a Deputación tivo un plan social para sufragar gastos pero a Xunta non. Diríalle a Feijóo que fale menos de financiación autonómica e menos de financiación local, na pandemia notamos que a Xunta só colaborou cos concellos do PP.

“Entendo mellor aos que sofren desde que estiven grave por COVID”

Vostede pasou pola COVID e nunha experiencia moi dura, polo que contou nas redes. Ese episodio animouno a lanzarse máis en politica?

Estiven grave cando enfermei de coronavirus —chegou a estar ingresado— pero por sorte aquí estou, e podo contalo. Axudoume a ver as cousas doutra maneira, a priorizar. A política está presente en todos os ámbitos agás o sentimental, e os que estamos nas institucións vemos que todo incide na vida das persoas. Cando a túa vida está en xogo entendes mellor aos que sofren, e ás vítimas da pandemia desde o punto de visita sanitario e económico... para que ningúen quede atrás.

Vostede é deses alcaldes que están dispoñibles as 24 horas do día?

Pois si, 24 horas ao día e sete días á semana. Hai unha compoñente vocacional, un cariño por traballar para mellorar as vidas das persoas: ese é o meu mellor combustible.

Como é entón o seu día a día?

Nada máis erguerme, miro o correo electrónico. Levo á miña filla ao cole, e inicio a xornada indo a traballar camiñando ata o concello. Pola rúa xa te vai parando a xente para explicar as súas demandas. E a atención directa é de ti a ti, sen máis cerimonias. A clave é que a xente nos mire como un cidadán máis. Eu atendo aos veciós na rúa e no despacho, tamén nas redes sociais. Os resultados electorais lógranse por estar o máis cerca posible das persoas, por estar máis cerca dos problemas e atoparlles solucións no menor tempo posible. Recoñezo nese sentido que a administración está excesivamente burocratizada para os cidadáns. E espero que o Goberno central tome nota para simplificar os trámites e evitar demoras.