La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O inexistente medio rural no discurso de Rueda

Feijóo abría o seu terceiro mandato prometendo a “lexislatura do rural”, unha declaración de intencións que pronto constatamos que era simplemente un anuncio propagandístico, sen as políticas activas necesarias para parar o preocupante proceso de avellentamento e despoboamento que sufre o noso rural.

En Galicia, falar do noso rural é falar de máis do 80% do noso territorio e cada día que pasa vemos como as comunidades rurais perden ou ven minorados os seus servizos básicos, tanto sexan públicos, como son os sanitarios, educativos ou os servizos de atención á infancia e maiores, como aqueles que prestan entidades privadas, como son os bancarios, comerciais, de transporte ou a cobertura de banda ancha e telefonía, algo que fai que a vida no noso rural sexa pouco atractiva para que as familias planifiquen o seu futuro nese ámbito.

A nosa actividade agraria e forestal durante os sucesivos gobernos do PP caracterizouse por unha perda da renda agraria do 25%, a desaparición de nove de cada dez explotacións e ver como nos próximos anos se xubilarán máis da metade das e dos nosos agricultores e gandeiros. Para observar esa debilidade só hai que analizar os dous sectores primarios máis importantes da nosa terra: o sector lácteo, que supón máis do 40% da produción estatal, pero aporta só o 11% da facturación estatal e o 7% do emprego de todo o estado; e o sector forestal, que supón o 50% da produción estatal, pero só aporta o 13% da renda e unha porcentaxe similar do emprego de toda España.

Almería, que nos anos 70 tiña unha situación agraria similar á peor das provincias galegas, conseguiu aproveitar a chegada de inversións millonarias procedentes de Europa para ter un valor da súa produción agraria de 3.000 millóns de euros, mentres en Galicia as e os propietarios forestais reciben ao ano só uns 300 millóns de euros, é dicir, máis do 80% do noso territorio produce dez veces menos que a provincia andaluza.

No ano 2011, a balanza comercial alimentaria de Galicia estaba en equilibrio e, na actualidade, temos un balance negativo de 600 millóns de euros, mentres en toda España o saldo positivo é de máis de 11.000 millóns. As e os gandeiros galegos están á cola de todo o estado no que reciben polo seu leite, cunha media de 35,9 céntimos por litro, cando en España a media é de 37,1 céntimos; e o prezo que reciben as e os nosos produtores de carne de vacún non cobre os custes de produción nunhas explotacións cárnicas que están situadas nas áreas máis despoboadas e avellentadas de Galicia para as que esta actividade representa un motor económico e un factor de fixación de poboación imprescindible.

Os gobernos de Feijóo nos derradeiros 13 anos dedicáronse a facer unha lexislación para non ter que cumprila, elaborando plans sen obxectivos e sen avaliación posterior. O noso rural segue sen dirección con máis de dous terzos do territorio galego en estado de abandono; cun 21% do noso territorio de Superficie Agraria Útil, mentres que España ten máis do dobre; cada ano pechan de media 600 explotacións; temos comarcas enteiras desmanteladas e os nosos centros de investigación públicos en situación precaria, mentres invisten máis de 14 millóns de euros en crear un novo Gaiás en Sergude.

Pois nesa situación, escoitamos como o novo responsable da Xunta, Alfonso Rueda, esqueceu completamente ao rural no seu discurso de investidura e segue anunciando baixadas de impostos que ao final só afectan ás rendas máis altas e levan consigo a perda deses servizos públicos que tanto necesitan aqueles que desexan apostar por vivir no noso medio rural.

Compartir el artículo

stats