Kiosco

La Opinión de A Coruña

O BNG rememora o 40 aniversario da súa fundación en Riazor destacando o seu “vencello” coa Coruña

Ana Pontón reivindica que aínda que houbera “erros” a formación “sentoulle ben a Galiza”

Francisco Jorquera e Ana Pontón descobren a placa. | // VÍCTOR ECHAVE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o voceiro no municipio de A Coruña e candidato á alcaldía, Francisco Jorquera, descubriron este xoves unha placa conmemorativa no frontón de Riazor para lembrar a Asemblea Nacional que fundou á formación neste edificio o 25 e 26 de setembro de 1982. Acompañáronos ducias de afiliados, moitos veteranos daquelas xornadas, nun acto no que se reivindicou á Coruña como unha cidade “vencellada” ao nacionalismo galego, en palabras de Jorquera, e tamén o papel da militancia.

Pontón, que tiña cinco anos cando naceu o BNG, valorou que a fronte tivo “erros,pero tamén acertos” nas súas catro décadas de existencia e que, en conxunto, “sentoulle ben a Galiza”. Agora, con “máis experiencia, bagaxe e madurez” , valorou que o grupo está no seu “mellor momento de apoio social e electoral”.

Pontón referiuse aos simpatizantes congregados para sinalarlles que son “o mellor que ten o BNG”, pois a militancia da formación, defendeu, é “honesta” e “xenerosa” e dálle”liberdade para defender os intereses do país”. Identificou entre estes propoñer solucións ante “a maior crise de prezos en 40 anos” ante a que acusou ao Goberno galego de manterse “de brazos cruzados”.

Jorquera, que foi senador, deputado e candidato á presidencia da Xunta, lembrou os actos fundacionais, con “centos de persoas” e admitiu que en 1982 “non era consciente” de que formaba parte dun “feito histórico”. No seu discurso tamén houbo un percorrido de séculos pola relación entre A Coruña e o nacionalismo, dende os precursores do Rexurdimento como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Manuel Murguía ao betanceiro Antolín Faraldo ou as coruñesas Irmandades da Fala.

Sobre a actualidade da cidade, Ana Pontón indicou que “non contou cos investimentos necesarios nin por parte da Xunta de Galiza nin do Goberno do Estado”. A primeira administración tivo unha inversión “ridícula” nestes últimos anos, afirmou, e non se está a traballar nos problemas “estruturais”. “Agora hai anuncios, case en precampaña electoral, que lamentablemente veremos que quedan en publicidade”, sinalou.

Ao acto acudiron cargos nacionalistas como a deputada Mercedes Queixa, pero tamén militantes de base que estiveron presentes na fundación de 1982. Unha delas era a coruñesa Carmen Fiaño, agora mestra xubilada pero que daquelas tiña 21 anos e acababa de rematar Maxisterio. Leva estes 40 anos na fronte “ininterrompidamente”, sempre como “militante de base”. “A fundación é un ano despois do golpe de Estado” do 23-F, lembra, e na esquerda “fóra do PSOE era moi difícil atopar un oco, eramos vistos como bichos un pouco raros. Empezouse a levantar cabeza a fins dos oitenta”. Agora cre que o proxecto está nun momento “moi esperanzador pola cohesión interna e a figura de Ana Pontón”.

Tamén foi mestre Xosé Lois Seixo, nacido en 1947 e que empezou na militancia sindical na clandestinidade. Lembra unha Galicia “sometida, colonizada, na que se nos negaba o uso do idioma, tiven algún compañeiro represaliado por dar clase en galego”. E tamén un “entusiasmo impresionante, fervor total” en 1982, co frontón de Riazor “cheo de xente”. Nestes anos houbo “situacións fastidiadas, nas que case parecía que chegamos a desaparecer”, pero engade que sempre creu no proxecto e en “tirar para adiante”.

Compartir el artículo

stats